Oficina CEER
 16-10-2008
A complexidade do fenómeno da tradución editorial a debate no II Congreso Internacional "Tradución e políticas editoriais"

Cuestións tan actuais como a tradución desde a perspectiva das distintas políticas editoriais que inflúen sobre a toma de decisións neste sector, debátense desde hoxe e ata o vindeiro venres no II Congreso Internacional Tradución e políticas editoriais. Ao longo de tres días falarase no encontro organizado por membros do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo das políticas editoriais, tanto dende o punto de vista das institución como da empresa privada. “Existen políticas editoriais de tradución tanto nas institucións como nas empresas; isto é unir, xuntar o que é a investigación sobre as traducións co mundo real, co mundo profesional”, sinalaba a directora do departamento, Susana Cruces na inuguración do congreso co que se quere favorecer o intercambio de experiencias entre investigadores e os diferentes axentes que interactúan no proceso de tradución como produto definitivo que se presenta ao público consumidor.

O congreso que hoxe comezou e que sucede a unha primeira edición na que o protagonista foi a literatura infantil e xuvenil nace, lembra Susana Cruces "como unha forma de afondar no estudo intrínseco das traducións como proceso e como produto en relación co mundo editorial".

A tradución, cuestión importante na UNESCO
A primeira das intervencións do congreso correu a cargo de Marius Piotr Tukaj, representante da UNESCO. Tukaj presentou o traballo do Departamento de Cultura da organización, facendo especial fincapé no Index Translationum, a máis grande das bibliografías internacionais de tradución creada en 1932, da que el mesmo é responsable xunto con Mauro Rosi, membro tamen do comité científico. Toda a información recollida nesta bibliografía, explicou Tukaj "é tratada para a realización de estatísticas a través das que podemos coñecer múltiples datos como os autores e obras máis traducidos, os países que editan máis traducións, as linguas minoritarias máis traducidas".

Un tema para cada xornada
O congreso divídese en tres grandes áreas temáticas que se corresponden con cada un dos tres días de celebración. Deste xeito, despois dunha primeira xornada na que as conferencias centraranse nas políticas de actuación das administracións en materia de tradución, o xoves o protagonismo será para os representantes de asociacións de editores e escritores que tratarán o impacto e cumprimento da lexislación na materia. Edwin Gentzler será o encargado de abrir a xornada na reivindicará a tradución en termos de macropolítica cultural como importante instancia na construción das sociedades, na medida en que fomenta a súa consolidación ou o seu cambio ao expoñer unha comunidade a outras realidades.

As xornadas rematarán o venres coa intervención dos representantes dos colexios e asociacións profesionais de tradutores. Ros Schwartz falará sobre a situación sociolaboral dos tradutores literarios en Europa e analizará as medidas concretas que poden tomar as persoas que traducen, xunto coas asociacións profesionais para que melloren as súas condicións laborais.

As xornadas complétanse con outras sesións plenarias a cargo de axentes especialistas na materia, que tamén participarán en mesas de traballo nas que se poñerán en común as experiencias de xestión da política editorial dos diferentes ámbitos autonómicos do Estado español, así como dos procedentes doutros espazos xeográficos.