Oficina CEER
 28-09-2006
A UNIVERSIDADE DE VIGO ACOLLE NUN FORO SOBRE PALEOMAGNETISMO A INVESTIGADORES DE TODA A PENÍNSULA
Un foro no que se expoñen e discuten as problemáticas e as novas contribucións de datos xeofísicos obtidos na Península Ibérica. Así se podería definir o VI Congreso Ibérico de Paleomagnetismo (MagIber IV), que nesta edición está organizado pola Universidade de Vigo, en colaboración coa de Coimbra e a Sociedade Xeolóxica de España. O encontro reúne hoxe e mañá a 30 investigadores de España e Portugal no Edificio Miralles para que compartan os descubrimentos que teñen realizado neste ámbito. Tres investigadores do Departamento de Xeociencias da Universidade presentan os seus traballos no encontro, xunto cun antigo alumno, Alfonso Fernández Dávila, que actualmente traballa na NASA estudando o efecto da magnetita no comportamento dos animais. Nesta reunión a institución viguesa aporta os avances realizados na área do Magnetismo Ambiental, na que están especializado este grupo de investigadores. O congreso reúnese cada dous anos para coñecer as investigacións paleomagnéticas na Península, é dicir, os estudos dos cambios que se produciron na Placa Ibérica no tempo a través da análise de como afectou o campo magnético da Terra ás rochas e sedimentos. Uns resultados que teñen aplicación tanto a nivel xeolóxico como arqueolóxico, urbano ou biolóxico. En concreto, as características xeográficas, a natureza dos materiais xeolóxicos e o contexto tectónico determinan que os datos obtidos na zona durante os últimos 30 anos teñan unha grande importancia a nivel internacional para afondar no paleomagnetismo, ademais de no paleoclima e na contaminación antropoxénica. Este ano a organización ampliou a participación no foro a todos aqueles investigadores que desexen dar a coñecer os seus traballos. Igualmente, tívose en conta as suxerencias dos participantes para invitar a algún destacado investigador estranxeiro como é o caso de Mark Dekkers da Universidade de Utrech. En xeral, os diferentes relatorios versarán sobre o paleomagnetismo, pero tamén sobre magnetoestratigrafía, arqueomagnetismo e xeomagnetismo.