Oficina CEER
 22-10-2008
A Cátedra da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal crea un premio para fomentar a investigación sobre a realidade da zona transfronteiriza

Fomentar e divulgar a investigación sobre a realidade e os problemas eurorrexionais é o obxectivo do premio convocado pola Cátedra da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Trátase dunha iniciativa pioneira que nace coa intención de coñecer os atrancos e dificultades da zona transfronteiriza en todas as súas dimensións para, deste xeito, incrementar o interese social e fomentar unha identidade común. Así mesmo, pretende contribuír a que exista unha maior comunicación entre a comunidade investigadora e o tecido socioeconómico para que ambos se enriquezan mutuamente. En canto ao tema dos traballos, as bases da convocatoria estipulan que deberá estar relacionado con algún aspecto do desenvolvemento eurorrexional, pero tamén se consideran dentro do obxecto do premio aqueles ensaios que permitan un mellor coñecemento dos problemas sociais, económicos e políticos da zona. Valoraranse ademais aspectos como a novidade e a innovación, a calidade científica e a estrutura e presentación das obras. O traballo que resulte galardoado co primeiro premio recibirá como recompensa 6000 euros e o compromiso por parte da Cátedra da publicación da primeira edición na forma que estime conveniente. Isto fai que sexa ineludible a cesión gratuíta de todos os dereitos de autor.

Características dos traballos
Non ter sido premiado en ningún outro certame ou concurso anterior é unha característica esencial dos traballos que desexen optar ao galardón. Do mesmo xeito, tanto as obras como a documentación obrigatoria deberán presentarse en galego, portugués ou español. Non se establece ningunha limitación na extensión, pero as páxinas deberán estar numeradas, en tamaño DIN A4 e con letra tipo Times New Roman 12.

No tocante á presentación dos traballos, deberá efectuarse en sobre pechado no Edificio CACTI antes do vindeiro 30 de novembro. Os orixinais terán que entregarse por duplicado en papel e en soporte informático e na documentación achegada farase constar o nome, o enderezo postal e electrónico, o teléfono e os demais datos do autor ou autores.

Un premio dirixido ao ensino secundario
Dirixido a estudantes de segundo ciclo de ensino secundario e estudantes de bacharelato, a Cátedra convoca o I Premio de Ensino Secundario Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Neste caso, o obxectivo é achegar á poboación máis nova as posibilidades de desenvolvemento da zona transfronteiriza, contribuíndo a superar as diferenzas culturais entre a poboación de ambas comunidades.

Limitados a unha extensión máxima de 50 páxinas, os traballos deberán ser orixinais e estar referidos a aspectos do pasado, presente ou futuro da eurorrexión. Para desenvolver as súas obras, os estudantes poderán recorrer a calquera tema, dende natureza e mar ata industria e turismo, pasando por aspectos como folclore ou historia, entre outros.

No tocante á dotación económica dos premios, os dous primeiros clasificados recibirán 1000 euros mentres que o terceiro e cuarto serán galardoados con 500.

Fonte: http://duvi.uvigo.es/

Archivos asociados a esta noticia:
application/pdf: Bases dos premios