oficina CEER
 27-10-2008
Foro da innovación en Lugo

O vindeiro 4 de novembro a cidade de Lugo acollerá o Foro da Innovación. Este evento, organizado polo Consejo Superior de Cámaras de Comercio, o Consello Galego de Cámaras, a Cámara de Lugo e financiado pola Consellaría de Innovación e Industria, ten por obxectivo promover a adopción dunha cultura da innovación nas pequenas e medianas empresas galegas. O Foro vense celebrando con moito éxito de participación en diferentes cidades do Estado e tivo unha primeira edición en Galicia en Ferrol o pasado mes de xullo. O Foro destaca polo seu formato áxil e dinámico e o seu carácter eminentemente práctico e está dirixido principalmente a Pemes de toda Galicia.

O acto comezará cunha inauguración oficial a cargo do conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco Álvarez. De seguido, terá lugar unha presentación que introducirá aos asistentes no fenómeno da innovación nas empresas desde un punto de vista dinámico e marcado polo sentido do humor. Tras esta presentación, representantes de tres empresas galegas exporán a súa experiencia no ámbito da innovación como exemplos de éxito. A segunda parte do Foro continuará nunha zona de exposición na que durante dúas horas os asistentes poderán coñecer de man de axentes de innovación os servizos que teñen á súa disposición, intercambiar experiencias con outras Pemes, etc. Esta zona conta cunha área de stands atendidos por técnicos especializados, unha zona de tribunas, unha aula de cine e un meeting point, entre outras.

Os axentes que estarán presentes con stands son: - A Consellaría de Innovación e Industria - O Centro Tecnolóxico da Pesca de Celeiro (CETPEC) - O Centro Tecnolóxico da Carne e da Calidade Alimentaria de Galicia (CTC) - O Centro Tecnolóxico do Leite. Aula de Produtos Lácteos - O Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira) - O Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética (Energylab) - O Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) - O Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL). O INGACAL, dependente da Consellaría do Medio Rural, agrupa ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), ao Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (LAFIGA), e á Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA). - O Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo.

Para máis información, en: www.foroinnocamaras.com.