Oficina CEER
 29-10-2008
As seis universidades públicas de Galicia e do norte de Portugal colaboran na publicación conxunta da revista Estudios Eurorrexionais, editada pola Fundación CEER

Trala publicación do seu número un no ano 2007, a revista Estudos Eurorrexionais continua a súa andaina no 2008 coa publicación do seu número dous, froito do exitoso traballo colaborativo entre as universidades publicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Universidade da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Tras-os-Montes e Alto Douro, Porto e Minho, e académicos e profesionais de recoñecido prestixio convidados polas universidades para formar parte do seu Consello Científico, baixo a coordinación da Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal.

O número dous da revista Estudios Eurorrexionais presentouse o pasado día 24 de outubro na Universidade da Coruña. Presidido polo Reitor da Universidade da Coruña, José María Barja Pérez, no evento estiveron presentes o director da revista e Pro-reitor da Universidade portuguesa de Tras-os-Montes e Alto Douro, Pedro Melo Pinto, o secretario da revista e profesor da Universidade da Coruña, Félix Blázquez Lozano e o director da Fundación CEER e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Ferrás Sexto.

Esta revista, de carácter estritamente científico creouse co obxectivo de dar acubillo á publicación de artigos científicos de interese xeral, facendo fincapé na divulgación dos coñecementos científicos xerados no entorno das seis universidades da Eurorrexión. Así mesmo, constitúese como unha ferramenta de gran utilidade para a dinamización de actividades de foro e intercambio científico entre as comunidades universitarias de Galicia e o norte de Portugal, na busca da creación conxunta dunha Eurorrexión do Coñecemento.

Cun papel destacado das Universidades da Coruña e Tras-os-Montes e Alto Douro, a Revista Estudios Eurorrexionais, acolle nos seus Consellos Editoriais e Científicos a un elenco de destacados membros da comunidade científica galega e portuguesa amais de prestixiosas personalidades académicas internacionais.

Esta revista sae á luz en formato papel e en formato dixital dende a páxina web da Fundación CEER (www.fceer.org), a partir da cal pode descargarse a revista na súa totalidade, ademais de tódolos artigos publicados de maneira individual. Nesta plataforma electrónica está tamén dispoñible un sistema OpenConf, de doado funcionamento, coa que a revista convida a toda a comunidade universitaria (profesores, investigadores, alumando, etc..) a enviar artigos, notas, recesións, ou valoracións críticas, para a súa publicación.

Archivos asociados a esta noticia: