Oficina CEER
 30-10-2008
Gaia é candidata a primeira capital cultural de Galicia-Norte de Portugal

O concelleiro de Cultura da Câmara Muncipal de Gaia, Mário Dorminsky, anunciou este martes que a cidade portuguesa optará a ser a capital cultural do Eixo Atlántico en 2009. Será a primeira vez que un dos 34 municipios que actualmente o conforman sexa distinguido con este título.

O estabelecemento desta iniciativa, que se repetirá cada dous anos, foi aprobada o pasado 17 de setembro en Vigo, na xuntanza da Comisión de Cultura que preside o propio Dorminsky. "Gaia poderá vencer o concurso, unha vez que ten un programa cultural fantástico e ligazón coas cámaras portuguesas e galegas", salientou.

Ademais, segundo recollen os medios do país veciño, o concelleiro sinalou que "para o evento imos convidar as 34 cámaras do Eixo Atlántico a estaren presentes en Gaia, para acrecentar a afluencia". Por último, asegurou que "a iniciativa, non vai ter custos esaxerados".

A recepción de propostas de candidatura para a que será a primeira Capital da Cultura da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal remata o 14 de novembro. No noso país, Vilagarcía xa mostrou o seu interese en participar, mais aínda non presentou ningún proxecto. A decisión sobre a cidade vencedora anunciarase o 13 de decembro.

Segundo informan dende o Eixo Atlántico, os eventos deberán estar integrados na programación cultural da cidade e ter unha duración de entre un e tres meses. As categorías artísticas previstas son: banda deseñada, libro, pintura, exposicións e museos, etnografía, teatro, fotografía, cine, música e escultura. Cómpre un mínimo de tres eventos por cada unha das categorías.

Por outra banda, Mário Dorminsky presentou a oferta cultural de Gaia para o ano que vén, onde destaca un festival dedicado ao Vinho do Porto. Ademais, haberá unha segunda edición da Egg Parade, un concurso de ovos de Pascua que premia escolas e artistas plásticos; a Festa do Mundo Celta e o Gaia Folk, en agosto; ou unha homenaxe ao escritor Rentes de Carvalho, en decembro.

Fonte: vieiros, www.vieiros.com