Oficina CEER
 03-11-2008
Exposición viva das nosas manifestacións culturais na "II Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués"

Un pobo non é ninguén senón coñece o seu pasado, os seus costumes e tradicións. Pese ao paso do tempo, en Galicia, seguimos a conservar un importante pouso de usos, representacións, técnicas e coñecementos tradicionais que conforman o noso patrimonio. Sen embargo, cada vez somos menos os que coñecemos ese legado, por iso a II Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués celebrarase do 8 ao 11 de novembro na Praza Maior de Ourense coa intención de darnos a coñecer o noso pasado. A mostra que se insire dentro do proxecto RONSEL e que conta coa colaboración das tres universidades galegas e diversas consellarías, amosará a diversidade patrimonial da nosa comunidade, ofrecendo a todos os que se acheguen representacións da súa riqueza. Esta mostra é “unha exposición viva das nosas manifestacións culturais, onde a xente poderá participar nos distintos obradoiros de xeito activo”, sinalou Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais de Universidade de Vigo. Area foi o encargado de presentar o programa de actividades dos catro días, no que se mesturan obradoiros tradicionais e de artesanía, actuacións de música e baile, conferencias e proxeccións audiovisuais.

Unha programación para as catro estacións
A II Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués ten como fío condutor o Ciclo do ano, denominación baixo a que se reúnen as actividades que os galegos facemos de xeito cíclico cada estación do ano. Por iso, cada día adicarase a unha estación, de xeito que o certame comezará o sábado 8 coa primavera, o domingo será o verán, o luns tocaralle ao outono, e a mostra rematará coa chegada do inverno o martes 11. Ademais cada estación do ano contará cunha cabana permanente onde se poderán visitar diferentes exposicións. Nenos e maiores poderán participar de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.30, durante os catro días, en obradoiros como olería, fabricación de corozas, forxa, tornaría, fabricación de xoguetes e instrumentos musicais, ou destilación de augardente, entre outros. A mostra conta tamén cunha Cabana das Palabras onde terán lugar diversos relatorios e proxección audiovisuais, ademais das I Xornadas de Hortofruticultura Ecolóxica. O remate final a este certame, o martes 11, virá acompañado de castañas, chourizos e viño novo, no magosto popular que se organizará ás 17:00 nos Xardíns Bispo Cesáreo.

Música tradicional
Aínda que todos os días haberá actuacións musicais e de baile tradicional protagonizadas por agrupacións da área Galicia-Norte de Portugal, a música darase cita de xeito especial as noites do sábado e do luns, xa que a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), que tamén colabora na organización da mostra, celebrará eses días o seu Festival de Música Tradicional. As Tanxedoras do Pandeiro, Joaquim Pereira “O Carriço”, a Requinta de Xián, Pai da Cana ou Tanto nos ten, son algunhas das agrupacións que pasarán polo escenario. En palabras de Alberto Granja, vogal da AGG, as noites musicais contan cun “programa equilibrado e dinámico no que aparecen moitas formacións de Galicia” ,que por outra banda, “intenta xuntar a grupos que son parte importante dunha mostra de música patrimonial”, concluíu Granja. Durante as actuacións e para afastar o frío, poderase desgustarse gratuitamente queimada feita coas augardentes destiladas polo poteiro da mostra.

Proxecto RONSEL
Grazas a colaboración entre as tres universidades galegas, coordinadas pola Universidade de Vigo, xunto co patrocinio das Consellarías de Cultura e Deporte, Innovación e Industria e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), xurdiu o Proxecto RONSEL; que naceu pola imperiosa necesidade de salvagardar o patrimonio cultural inmaterial de Galicia e Norte de Portugal. O proxecto, no que se insire esta mostra, pretende facer unha investigación e documentación minuciosa de todo o patrimonio galego, ademais da súa promoción, protección, difusión e transmisión.

Archivos asociados a esta noticia: