Oficina CEER
 08-11-2006

A FUNDACIÓN CEER CONCEDEU AS AXUDAS PARA A ORGANIZACIÓN DE SESIÓNS CIENTÍFICAS SOBRE A EURORREXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL

A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) concedeu xa as axudas para a organización de sesións científicas destinadas a profesores e investigadores das seis universidades membros do CEER, as de Santiago de Compostela, Vigo, Coruña, Porto, Minho e Tras-os-Montes e Alto Douro. Trátase con elas de afondar en temáticas relacionadas co desenvolvemento económico, social, territorial e cultural da Eurorrexión.

Todas as actividades seleccionadas encádranse dentro de dúas liñas temáticas, o desenvolvemento urbano, rural e turístico e as novas tecnoloxías e sociedade da información, e inclúe a organización de foros, seminarios científicos, seminarios de especialistas ou demais eventos científicos celebrados ata o 30 de decembro deste ano.

Entre as accións concedidas destacan o evento proposto polo profesor da USC Manuel Francisco Marey titulado ‘Workshop Internacional sobre modelos de apoio o asociacionismo e a innovación na xestión da pequena propiedade forestal do Noroeste da Península Ibérica’ que ten como fin tratar de dar resposta a algúns dos problemas máis importantes da xestión do sector forestal galego e portugués. Tamén desta universidade, e a proposta do profesor Xesús Blanco Echauri, seleccionouse a xornada A fábrica do imperium na filosofía de Espinosa.

Da Universidade da Coruña escolleuse a Xornada internacional sobre o papel dos portos no desenvolvemento da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que terá lugar o vindeiro día 9 de novembro, organizada pola profesora Mª Isabel Novo Corti.

En Vigo, do total das solicitudes recibidas, cinco serán as que recibirán estas axudas. Así, celebrarase o 1º Encontro de Investigadoras da Eurorrexión Galicia/Norte de Portugal Mulleres e Ciencia, organizada pola profesora Beatriz Suárez Brione; a 3rd International Conference on Hands-on Science. Science Education and Sustainable Development, proposta polo profesor José Benito Vázquez Dorio; o Ciclo de Conferencias sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automátización Industrial CCAI-06 organizado polo profesor José Ignacio Armesto Quiroga; Artech 2006. Terceira conferencia Internacional de arte electrónico e dixital Linking Frontiers Arte. Tecnoloxía ciencia e Sociedade, pola profesora María Dolores Dopico Aneiros; e a XXXII Reunión de estudios rexionais, organizada polo profesor Xulio Pardellas de Blas.