Oficina CEER
 03-12-2008
O conselleiro de Industria confirma un incremento dun 16% en 2009 para a investigación nas universidades

Un 16% aumentarán, o próximo ano, os fondos que a Consellería de Industria destina ás universidades galegas que no transcurso do 2008 recibiron case 49 millóns de euros a través de convenios e convocatorias competitivas. Así o confirmou o conselleiro, Fernando Blanco, no acto de sinatura cos reitores das Universidades de A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, para o reparto do Fondo de Calidade destinado ao Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento.

Un fondo que segundo Blanco creceu un 14% respecto de 2007 e co que se busca “unha mellora da calidade e na busca da excelencia na investigación”. A través deste acordo subscrito entre a Consellería de Industria e as tres universidades, o departamento que dirixe Fernando Blanco inviste 7,37 millóns de euros “á mellora da calidade na procura da excelencia na investigación dos grupos universitario galegos”, apuntou o conselleiro. No reparto entre as universidades que se fai en función dos resultados dos últimos anos, tendo en conta criterios como a captación de recursos externos, a Universidade de Vigo recibirá preto de 2 millón de euros, a Universidade de Santiago 4 e a Universidade de A Coruña 1,4.

As universidades, base do sistema galego de I+D+i O conselleiro de Innovación e Industria que falou das universidades como “o primeiro paso na xeración de coñecemento necesario para o desenvolvemento de Galicia e a mellora da calidade de vida das persoas”, lembrou que ao Fondo de Calidade destinada ao Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento súmase a outras fontes de recursos somo convenios e convocatorias de Promoción Xeral da Investigación, de Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas, de Programas Sectoriais e aos Recursos Humanos.

Blanco que fixou como obxectivo “a continuidade no establecemento de sinerxias entre entidades de diferente natureza para que o sistema público de investigación responda ás necesidades do país”, lembrou o interese da súa Consellería en artellar un auténtico sistema galego de I+D+i no que destaca o papel das universidades como “inicio dunha cadea onde se parte dos coñecementos científicos para transformalos en aplicacións prácticas no sistema produtivo”. Fonte:DUVI