USC
 08-11-2006

O REITOR DA USC INAUGURA NA FACULTADE DE CIENCIAS ECONÓMICAS E EMPRESARIAIS O SEMINARIO A AGRICULTURA, VÍA DE DESENVOLVEMENTO GLOBAL

O reitor da USC, Senén Barro, inaugura mañá mércores 8 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago o seminario A Agricultura, vía de desenvolvemento global. O acto inaugural celebrarase a partir das 16:30 horas no Salón de Graos deste centro compostelán, onde se vai desenvolver o seminario entre os días 8 e 11 organizado pola Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento xunto con Amarante.

O seminario, enmarcado no programa de actividades de formación e sensibilización das entidades organizadoras, vertébrase arredor de catro bloques temáticos nos que se debaterá sobre as características do mercado actual, a situación dos pequenos agricultores e as súas capacidades, alternativas e iniciativas no Sur e no Norte, e sobre as iniciativas que dende o ámbito institucional galego se están a acometer.

As dúas entidades organizadoras pretenden coa organización deste encontro ofrecer aos estudantes e interesados en xeral un espazo de participación e formación así como potenciar que as persoas e organizacións do Sur teñan voz propia e amosen a súa realidade cotiá. A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento é unha federación que agrupa a 44 ONG galegas que traballan no ámbito da cooperación internacional e a acción humanitaria.

Programa do mércores 8 A primeira sesión deste seminario desenvolverase baixo o lema Está o mercado secuestrado e nela presentaranse dúas conferencias nas que se analizará o papel dos organismos financeiros internacionais respecto á agricultura e os gobernos, o dumping dos países do Norte e o modelo europeo, a PAC.