Oficina CEER
 10-12-2008
As empresas achegaron máis da metade dos 555,6 millóns de euros de gasto en I+D+i que rexistrou Galicia o ano pasado

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, informou no Parlamento de que as empresas achegaron en 2007 “máis da metade” (55,3%) do gasto total en I+D+i en Galicia, que ascendeu a 555,6 millóns de euros.

Tras presentar ante o Pleno do Parlamento o primeiro balance da execución do Plan Galego de I+D+i 2006-2010, apuntou que a achega empresarial “supera” as estimacións iniciais. Ademais, o citado plan recibirá 186 millóns de euros en 2009, polo que alcanzará o 80% do investimento previsto un ano antes do seu termo.

Na súa comparecencia a petición propia, Fernando Blanco defendeu que o sistema público de I+D+i constitúe un instrumento ao servizo da economía produtiva galega que servirá para que Galicia “saia reforzada” da actual crise e “dea un paso cualitativo” no seu progreso económico.

Tamén aludiu ao programa de recursos humanos, que cualificou de “prioritario”, e informou de que creou 1343 empregos directos para investigadores e tecnólogos nos sectores público e privado, mediante sete programas que fixan “unhas condicións dignas e estables” durante toda a carreira científica.

Ademais, apuntou que o volume de investimento neste ámbito aumentouse un 768% desde a chegada do Goberno bipartito e que o número de contratos “é cinco veces maior que en 2005″. Despois de remarcar o “intenso esforzo” da súa consellería, celebrou que os resultados “xa comezan a divisarse”, aínda que asumiu que “non son inmediatos”.

Investimentos
Fernando Blanco tamén informou á Cámara de que o departamento que lidera destinou este ano 49,2 millóns de euros para os programas de investimento das universidades galegas; así como do investimento de 110 millóns -desde 2005- ao fomento da investigación aplicada en empresas, centros tecnolóxicos e no sistema público de I+D+i.

Precisamente, destacou que un total de 2200 empresas galegas realizaron actividades de innovación de procesos ou de produtos, o que supón un 22% do total das compañías rexistradas.

Na súa primeira intervención, tamén se referiu á conversión das 137 bolsas predoutorais en contratos laborais, que supuxeron melloras salariais e medidas de conciliación da vida familiar e profesional. Cifrou os aumentos nun 55% no caso do ‘María Barbeito’ e nun 38% no ‘Parga Pondal’.

Por último, explicou que a Rede de Parques Científico-Tecnolóxicos, formada polos da Coruña, Vigo, Lugo, Santiago e a Tecnópole, teñen como obxectivo ata 2012 mobilizar 435 millóns de euros e dous millóns de metros cadrados de solo tecnolóxico, que crearán 6600 empregos directos e facturarán 500 millóns de euros.

(Fonte: Europa Press)