Oficina CEER
 12-12-2008
O cine de Manoel Oliveira inaugura a sección de documentais de "Cantos na Maré"

O Festival Internacional da Lusofonía, Cantos na Maré, abriu a súa sección de documentais coa proxección do O día do desespero, de Manoel Oliveira. Un cambio de última hora debido a problemas coa licencia para a exhibición pública do documental previsto, permitiu facer unha pequena homenaxe ao gran avó do cine que, aos seus cen anos, segue en activo e rodando por diferentes puntos xeográficos do mundo.

En O día do desespero, Oliveira debuxa os últimos anos dun dos autores máis representativos da literatura portuguesa, Camilo Castelo Branco. O filme narra o proceso creativo e vital deste autor, que tivo unha vida azarosa, apaixoada e impulsiva que derivou, trala perda da vista, no seu suicidio. Pero máis aló do documento biográfico, O día do desespero deixou unha mostra do cine de Oliveira que, sendo tan vello coma o mesmo invento do cine, está considerado como un dos cinestas máis modernos.

Os actores fan continuas interpelacións ao espectador e as cartas que se conservan dos últimos meses da vida do escritor actúan como fío condutor e desvelan a vida transcorrida e o seu sentimento de morte. Preséntase así un exemplo da idea do cineasta de que calquera material é valido para montar sobre el o auténtico cine.