Oficina CEER
 16-12-2008
A Igrexa da USC convértese estes días en taller creativo para o público xeral

A Universidade de Santiago pon en marcha unha iniciativa coa que pretende abrir á sociedade en xeral un debate ao redor do protagonismo dos públicos na arte actual e a importancia da súa participación nas políticas culturais. Dende unha condición de espazo inacabado e por encher, o proxecto ‘Ponlle nome’ quere reflexionar sobre o papel da arte contemporánea como xeradora de actitudes críticas e participativas na vida cultural dunha cidade.

Trátase dunha proposta da Vicerreitoría de Cultura da USC no marco da primeira edición do Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas, que comezará as súas sesións este martes a partir das 19:00 horas na Igrexa da Universidade.

Para acadar o seu obxectivo ‘Ponlle nome’ abrirase na Igrexa da Universidade á participación do público que desexe asistir aos obradoiros programados e dos que saíran distintas visións creativas sobre os temas propostos, nun intento por alcanzar propostas alternativas aos formatos expositivos e pedagóxicos tradicionais a través da participación directa do público.

Os distintos debates temáticos dos obradoiros, conducidos por Víctor E. Pérez e Daniel López Abel, articularanse sobre o concepto das redes sociais e o seu influxo na cultura contemporánea. Durante un total de dezasete días, daranse a coñecer diversos xeitos de entender a creación colectiva dende a perspectiva da cultura libre e o copyleft, ao tempo que se abordarán de xeito práctico as implicacións sociais e políticas que estas conlevan á hora de construír espazos de cidadanía crítica.

Durante o desenvolvemento do debate, o espazo articulará visualmente as propostas dos participantes e as dos visitantes ocasionais, tecendo así unha trama que permita estudar algunhas das moitas cuestións que se lle formulan á cultura dende os sectores involucrados. Esta acción presenta deste xeito unha dobre lectura da formación: a dos públicos como produtores activos de cultura, e a dos profesionais, aprendendo a formular proxectos socialmente significativos.

As sesións de debate celebraranse os días 16, 20, 23, 27 e 30 de decembro e 3, 7 e 10 de xaneiro. O público interesado poderá coñecer a evolución das sesións na propia Igrexa da Universidade de martes a venres, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 s 20:30 horas e os sábados e véspera de festivo de 11:00 a 14:00 horas.