Oficina CEER
 09-02-2009
A USC crea un sistema para a mellora da xestión dos montes gelegos en mancomún.

A Universidade de Santiago de Compostela, a través da Escola Politécnica Superior de Lugo, traballa no desenvolvemento dunha ferramenta innovadora para a xestión dos montes en mancomún de Galiza. O sistema permitirá avaliar diferentes opcións de explotación forestal, gandeira, silvicultora, enerxética, etc., para decidir cal delas é a máis axeitada segundo os intereses da comunidade e en función de variables económicas, xeográficas e sociais.

O proxecto está apoiado pola Consellaría de Innovación e Industria, que concedeu unha axuda de 90.459 euros en 2007 para a súa realización até o ano 2010. Esta subvención enmárcase no programa de Medio Rural do Plan Galego de I+D+i 2006 – 2010 (INCITE).

Os datos manexados polo grupo de investigación sobre os montes en mancomún en Galiza dan mostra da súa importancia: existen 2.880 montes veciñais cunha superficie total de 670.000 hectáreas, o que equivale ao 22,5% do territorio galego. O obxectivo do proxecto é contribuír á optimización da produción de bens e servizos nestes montes e propiciar a implicación das comunidades propietarias na súa xestión, propoñendo instrumentos de avaliación de modelos de explotación.

Manuel Marey, investigador principal do proxecto e membro do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, explica que, a pesar do seu peso específico no territorio, os montes en mancomún están, en moitos casos, “infrautilizados”. “Aínda que a calidade da xestión é heteroxénea, hai demasiados exemplos de montes sen xunta rectora, nos que non existen instrumentos de xestión e o aproveitamento é... deficiente”, indica Marey. Aplicación de novas tecnoloxías

O proxecto propón a unión de novas tecnoloxías, xestión agroforestal e factores socioeconómicos para crear unha ferramenta informática de xestión. Será un sistema de apoio á decisión: a partir dunha serie de variables e tendo en conta diversos tipos de explotación, os xestores escollerán o modelo segundo os intereses e as peculiaridades de cada monte. O sistema calcula os beneficios, as consecuencias e tamén os riscos de cada modelo de explotación.

Aínda que existen outros sistemas para a xestión forestal, en todos eles “prima a compoñente económica”, segundo di Manuel Marey, “e non se teñen en conta as compoñentes sociais e ambientais e factores como o da participación cidadá”. Esta ferramenta de simulación permitirá valorar as compoñentes económicas, ambientais e paisaxísticas. O usuario escollerá a zona de Galiza na que se atopa o monte e simulará os resultados e as consecuencias dunha determinada explotación forestal, gandeira, enerxética, etc. O sistema facilitaralle unha previsión dos beneficios económicos en función dos metros cúbicos de madeira tendo en conta o ritmo de crecemento, a valoración da especie, etc., pero tamén amosará o impacto paisaxístico ou as consecuencias ambientais.

Desta maneira, o xestor do monte poderá simular diferentes opcións e tomar unha decisión. Os posibles modelos proceden da codificación das bases de datos relacionais e da conversión dos estudios científico-técnicos en algoritmos computacionais complexos. Esta parte técnica é complemento do coñecemento económico e científico, de maneira que a resposta conterá unha relación completa dos datos necesarios na toma de decisións sobre o monte, como tarefas, prezos, custos, materiais, beneficios, etc. Incluiranse tamén factores ambientais e condicionantes legais, xa que determinadas restricións repercuten na xestión.

O sistema non soamente será de utilidade para os xestores dos montes, senón tamén para a Administración Pública, encargada de planificar en conxunto os montes galegos en man común. Con esta ferramenta, poderá previsualizar os resultados de determinadas accións e apoiar un ou outro modelo de xestión.

Segundo explica Manuel Marey, o desenvolvemento deste sistema estase a realizar da man de xestores de montes comunais. A partir de reunións con algunhas comunidades propietarias, estableceranse metas de xestión e límites económicos, ecolóxicos e sociais. Estes condicionantes integraranse no sistema de apoio á decisión, que nunha fase posterior, pretende a “realimentación continua” da aplicación por parte dos usuarios xa que, como di o propio Marey, é importante esta interacción en todo momento para que “o seu coñecemento sirva para mellorar o sistema”. O equipo de investigación traballa da man de entidades con experiencia no desenvolvemento de sistemas de xestión agroforestal. Colabora co profesor José G. Borges do Instituto Superior de Agronomía de Lisboa no desenvolvemento dos modelos matemáticos e informáticos. Ademais, estableceuse unha colaboración cun equipo do Centro Tecnolóxico Forestal de Cataluña, dirixido por Glòria Domínguez, para deseñar os modelos de tomas de decisión compartida.

Fonte: Gabinete de Comunicación da Consellaría de Innovación e Industria