Oficina CEER
 12-02-2009
O Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación de Ourense inaugura as súas novas instalacións en Tecnópole

O Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, CITI, da Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico da Carne, CTC, celebraron este mércores 11 de febreiro como resultado da súa colaboración, a inauguración das novas instalacións que ambos compartirán e nas que se situará o CACTI, Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación. A presentación deste espazo marca un fito nun proceso que se iniciou no ano 2005 coa sinatura dun convenio entre a Consellería de Innovación e Industria, a Consellería do Medio Rural e a Universidade de Vigo que derivou na reestruturación de 800 metros cadrados do CTC que “por indefinición do proxecto inicial quedaran sen instalacións”, explicou Xan Xosé Rodríguez Díz, director-xerente do CTC. Grazas a colaboración destas entidades e a un orzamento que ronda os 800.000 euros, este novo espazo compartido aloxará “por unha banda ao Laboratorio Central de Investigación, CACTI da Universidade de Vigo e, pola outra, á oficina de proxectos, á Plataforma Tecnolóxica Agroalimentaria, PTGAL, á área de informática e á oficina comercial do CTC”. Con esta cooperación ambas institucións saen beneficiadas xa que o equipamento científico do CACTI, que supera os catro millóns de euros, completa a dotación tecnolóxica e analítica do CTC e, para o campus, as novas infraestruturas, supoñen mellores condicións para os seus equipos e polo tanto un maior alcance.

Achegamento do coñecemento á industria
Durante o acto de presentación no salón de actos do CTC, en Tecnópole, os presentes destacaron a importancia destas novas instalacións como un achegamento do coñecemento á industria de xeito que a investigación non se ille das necesidades sociais senón que sirva para solucionalas. Para Rodríguez Díz esta inauguración foi “a primeira pedra na colaboración entre o CITI e o CTC e marca o seu compromiso coa investigación e coa industria agroalimentaria deste país”.

Pola súa banda, o director xeral de Investigación e Desenvolvemento, Salustiano Mato declarou estar “moi satisfeito pola culminación dos obxectivos que planeáramos nunha alianza estratéxica”. O importante para Mato é que este proxecto “avanza no camiño de poñer o coñecemento ao servizo do sector agroalimentario galego”.

No acto de presentación tamén estiveron presentes Lorenzo Pastrana, director do CITI e a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Elsa Vázquez Otero, que destacou que “esta non é unha inauguración máis senón a materialización dun dos retos da Universidade de Vigo, o achegamento do noso coñecemento ás empresas e o tecido produtivo”

Por último, antes da visita guiada polas instalacións, o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, foi o encargado de pechar o acto recordando que “estas infraestruturas buscan dar resposta a unha preocupación fundamental: que toda investigación teñan unha funcionalidade social”. O conselleiro precisou, ademais, que con esta inauguración “indicamos por onde deben ir os investimentos públicos para mellorar a nosa economía”.

As instalacións
Trala presentación oficial do CACTI chegou o momento de visitar as instalacións, caracterizadas por unha gran luminosidade e polo deseño “con materiais duradeiros, fáciles de manter e de limpar”, explicou o responsable da Unidade Técnica do campus, Javier Suances, que foi o encargado de dirixir o percorrido. As instalacións do CACTI dispoñen de 325 metros cadrados divididos en varios departamentos, “a sala branca, que é un laboratorio de clase dúas, unha zona de análise, un laboratorio propiamente dito e unha última zona de despachos para o rexistro de toma de datos”, explicou Suances. O equipamento científico co que vai contar terá que ser trasladado dende o actual CACTI situado no Edificio Politécnico. “Cando se faga a mudanza e a montaxe, comezará o funcionamento das instalacións, o que se calcula para finais deste mes ou principios de marzo”, indicou Suances.