Oficina CEER
 18-02-2009
Membros do grupo REDE participan na elaboración do Cadro de Mando Integral do in.ci.te. do Plan galego de I+D+i

A Consellería de Innovación e Industria ven de conceder aos profesores da Universidade e membros do grupo REDE, Xosé Manuel García, Xosé H.Vázquez e Xesús Lampón, a licenza para a elaboración dun modelo de Cadro de Mando Integral para a xestión do in.ci.te. (Innovación, Ciencia e Tecnoloxía), dentro do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica 2006-2010. Despois de presentarse a un concurso público e competir con outras empresas de España, a Universidade de Vigo en colaboración coas entidades viguesas Dhuman Consultores e AsiRed Servizos Telemáticos gañaron o concurso para levar a cabo a acción estratéxica de avaliación, seguimento e control que permitirá o correcto desenvolvemento do proxecto.

Os membros do grupo REDE destacan a importancia deste proxecto pola presenza da Universidade de Vigo nestes concursos en colaboración e en competencia con importantes empresas de consultaría avanzada, "por ser un plan de gran impacto no que se empregarán novas metodoloxías e ferramentas analíticas e, en definitiva, porque amosa que as políticas públicas da Xunta máis recentes, destinadas a incentivar a transferencia de coñecemento nas universidades, están ofrecendo resultados positivos”, sinala Vázquez.

Medición da eficacia e eficiencia do proxecto
“Trátase dun bo exemplo de transferencia de coñecemento da Universidade cara á sociedade e, en particular, de como a Universidade de Vigo está cooperando con empresas para ofrecer uns servizos de valor engadido que non poden atoparse facilmente nas empresas”, explica Vázquez. Sen dúbida, esta iniciativa dará pé a acercar aínda máis a universidade á sociedade, pois “participar nestes proxectos esíxenos estar preto da realidade empresarial, asinando contratos e convenios, impartindo cursos de formación en empresas e centros tecnolóxicos...”, remarca Lampón. Na mesma liña pronúnciase García sostendo que “por esta vía aportamos o noso gran de area para rachar co principio da burbulla da investigación, de que os investigadores esteamos illados do mundo; para nós é moi importante este tipo de contratos e traballos porque nos achega á realidade económica”. O grupo afirma ter unha idea moi clara sobre a importancia de desenvolver unha investigación académica de estándar internacional, así como de cal debe ser o papel da Universidade de Vigo no Sistema Nacional de Innovación . A través deste proxecto, REDE entra a formar parte dunha experiencia pioneira, pois aínda son ben poucos os programas públicos en Europa nos que se poñen en funcionamento un cadro de mando para medir a eficacia e a eficiencia dun plan con metodoloxías tipicamente empresariais. En canto a eficiencia, “o labor céntrase en vixiar que os procesos cumpran todas as especificacións deseñadas: as normativas, os presupostos, os obxectivos...” sinala García; polo que respecta ao termo eficacia, “ten que ver co impacto na sociedade, nas empresas, na universidade...”, engade o profesor.

Metodoloxías e ferramentas analíticas que sistematizan o traballo
A achega da Universidade para levar a cabo o plan céntrase na elaboración de novas metodoloxías, “nas que traballamos dende un punto de vista académico” apunta Vázquez, e de ferramentas analíticas cuantitativas para valorar o impacto dos programas, “que normalmente a empresa privada non manexa” engade. A metodoloxía aquí empregada deseñará un seguimento e control sistemático dos procesos e dos resultados, “trátase de dispor dunha ferramenta que permita sistematizar en tempo e en forma ese labor” subliña García.

Se ben os tres socios participarán en todas as fases e actividades, AsiRed Servicios Telemáticos encargarase de elaborar o soporte informático e Dhuman Consultores terá un papel protagonista en cuestións como a definición de indicadores ou a coordinación e seguimento do proxecto.

Plan galego de I+D+i tecnolóxica 2006-2010
O Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica 2006-2010 configurouse co propósito de desenvolver dunha maneira eficaz e completa o potencial investigador e innovador de Galicia, de xeito que repercuta cualitativa e cuantitativamente no desenvolvemento económico e no benestar social.

O plan dótase dun orzamento global de 800 millóns de euros, cifra histórica que sitúa a Galicia nos niveis máis altos no Estado en canto a investimento, que servirán para impulsar e afianzar este sector científico e facilitar as relacións entre as universidades e as empresas. Neste senso, aumentaranse os recursos das universidades galegas para situarse ao nivel da Unión Europea, pretendendo chegar ao 1,5% do PIB en gastos de investigación, do que o esforzo empresarial debe constituír o 50%.