Oficina CEER
 25-02-2009
Forum Euro-Latinoamericano de Torino sobre inovación rexional en Galicia

Galiza acollerá do 1 ao 3 de abril o Forum Euro-Latinoamericano de Torino. A Dirección Xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria patrocina e acolle a II Conferencia deste Forum, que se celebrará en Santiago de Compostela baixo o título "Sistemas rexionais de innovación: da visión á realidade". Máis de 200 axentes interesados no uso da I+D+i para o desenvolvemento rexional de América Latina e Europa daranse cita neste encontro.

O Forum ten como propósito central reunir aos principais actores institucionais, públicos e privados, interesados na utilización do coñecemento e a innovación tecnolóxica no desenvolvemento rexional de América Latina e Europa. As rexións socias do Forum son: Castela e León e Galiza, Piemonte (Italia), Rhône Alpes (Francia), Córdoba, Mendoza e Rafaela (Arxentina), Valparaíso e Antofagasta (Chile), Santa Catarina e Minas Gerais (Brasil), Antioquía e Valle del Cauca (Colombia), Estado de Jalisco e Sonora (México).

Coa celebración desta segunda Conferencia do Forum Euro-Latinoamericano en Galiza, preténdese impulsar a cooperación en materia de I+D+i con entidades latinoamericanas e complementar as redes xa existentes para a cooperación internacional no marco europeo. Entre as rexións que forman parte do Forum, encóntranse algunhas das máis dinámicas en materia de I+D+i en Latinoamerica, que contan con sectores económicos ligados a actividades nas que existe unha relevante masa crítica en materia de i+D+i en Galiza.

Enerxía, TICs, Medioambiente e alimentos
A Conferencia que se celebrará en Galiza está dirixida a todos aqueles axentes que participan dos procesos de innovación nas súas rexións e que están interesados en ampliar os seus horizontes de colaboración internacional: axencias de desenvolvemento e de promoción da innovación, asociacións empresariais, clústers, centros tecnolóxicos, universidades, sector financeiro, etc.

Ao longo dos tres días levaranse a cabo sesións plenarias, traballo en grupo e visitas técnicas a institucións galegas. Os temas xerais escollidos para os grupos de traballo son “Tecnoloxía para alimentos” (grupo dirixido por Lorenzo Miguel Pastrana Castro, director do Centro de investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo); “Enerxías renovables” (grupo dirixido por Claude Graff, presidente de Tenerrdis- Francia); “Xestión medioambiental” (grupo dirixido por Juan M. Lema Rodicio, catedrático de Enxeñería Química da USC, e José Álvarez Díaz, presidente de SOGAMA) e “TICs”(grupo dirixido por Giovanni Colombo, do European Institute of Innovation and Technology- Italia).

Completa información, programa e inscrición en: www.forumtorino.org
Fonte: Consellería de Innovación e Industria