Oficina CEER
 02-06-2009
A UIVGO acollerá a máis de 200 participantes no X Congreso Nacional de Investigación Enolóxica

181 comunicacións e máis de 200 participantes son cifras aínda que dan unha idea da magnitude do X Congreso Nacional de Investigación Enológica que terá lugar en Ourense do 3 ao 5 de xuño. Esta reunión, que celebra bianualmente a Red Gienol, terá como sede nesta ocasión a Facultade de Ciencias de Ourense, que xunto coa Estación de Viticultura e Enoloxía (EVEGA) son as institucións encargadas da organización do congreso.

Estas xornadas están especialmente destinadas “a científicos da área da viticultura e a enoloxía e versarán sobre todos os aspectos relacionados coa actividade de I+D+i que teñen que ver con este campo”, explicou Elena Falqué, coordinadora das xornadas e profesora da Facultade de Ciencias. Ademais, o congreso tamén ten como obxectivo que as empresas do sector vitivinícola poidan coñecer de forma directa “as achegas científicas máis recentes dos grupos de investigación enolóxica”.

O congreso inclúe dentro do seu programa actividades tanto académicas como de ocio; contará con varias conferencias plenarias ou maxistrais, “relacionadas cos novos horizontes da viticultura e a enoloxía”, así como comunicacións en formato póster, “divididas estas últimas en áreas temáticas: viticultura, microbioloxía, análise e control de calidade, crianza e envellecemento e tecnoloxía enolóxica, entre outras”, indicou Falqué. Tamén se dedicará unha sesión específica á transferencia tecnolóxica nestes campos, analizando a oferta e a demanda en I+D+i. No tocante ás actividades de lecer están programadas varias visitas pola contorna de Ourense e a Ribeira Sacra.

Viticultura e enoloxía
O congreso comezará formalmente o 2 de xuño coa entrega de credenciais e a recepción dos congresistas por parte do alcalde Francisco Rodríguez ás 19.30 horas no Concello de Ourense. Esta primeira xornada de presentacións rematará cunha visita guiada pola zona monumental da cidade. Neste percorrido, ademais de coñecer o casco antigo, “os participantes descubrirán a Catedral de Ourense da man do cóengo arquiveiro, Miguel Ángel González”, engadiu Falqué. O mércores 3 as xornadas desenvolveranse na Facultade de Ciencias coa celebración do acto de apertura a partir das 10 horas. Posteriormente José Posada ofrecerá o relatorio inaugural sobre viños e gastronomía de Galicia e pare rematar Luisa González e Esperanza Valdés falarán da madurez fenólica. Xa pola tarde retornan os relatorios con José Manuel García que falará da vitivinicultura en Galicia e José Miguel Martínez que afondará nas ferramentas xenómicas na viticultura.

A xornada do xoves 4 comezará cunha sesión póster e o resto da mañá transcorrerá con dúas mesas redondas nas que se tratará a transferencia tecnolóxica dende o punto de vista da oferta e da demanda, tras elas abrirase un coloquio. O ocio chegará despois da comida, xa que para a tarde está programada unha visita pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra, “para que os congresistas coñezan algunha das bodegas e viñedos da zona”. Entrada a noite terá lugar a cena de gala.

O congreso rematará o venres, cunha sesión póster e coa Asamblea Xeral Gienol. A media mañá terá lugar a derradeira conferencia das xornadas da man de Carmen Otero, que falará dos destilados e licores galegos. O congreso pechará cun viño de despedida. Ademais destas actividades, están programadas tres catas de viños para os días nos que se celebran as xornadas, nas que persoal de cada Consello Regulador das cinco denominacións vitivinícolas galegas, Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra e Valdeorras, e da Denominación Xeográfica de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia presentarán as súas marcas cunha degustación dos seus respectivos produtos.