Gabinete de Comunicación UDC
 10-01-2007
Tres investigadores da UDC, premiados por un proxecto que facilita a análise de verteduras no mar

Tres investigadoras do Grupo de Química Analítica Aplicada da Universidade da Coruña recibiron o V Premio Ignacio Ribas Marqués á Innovación Científico-técnica en Química para novos investigadores. Son María Gómez Carracedo, Raquel Fernández Varela e Patricia Fresco Rivera, que deste xeito reciben un recoñecemento por un traballo de investigación que posibilita unha análise rápida e eficiente dos verteduras contaminantes na costa.

O resultado do estudo é un novo método para analizar a presenza de hidrocarburos no mar que mesmo permite diferenciar en poucos minutos o fuel do Prestige doutros VERTEDURAS na costa galega. Proba da utilidade deste estudo é que a multinacional Repsol-YPF prestou o seu apoio á investigación a través da Refinería da Coruña. O Premio Ignacio Ribas foi creado no ano 2001 polo Colexio Oficial de Químicos de Galicia en memoria do que fora catedrático e investigador da Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela. Conta co patrocinio da Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia e pretende concienciar á sociedade do importante papel da ciencia na vida cotiá.

O Tribunal que concedeu o premio estivo presidido por Luis Castedo Expósito, catedrático de Química Orgánica da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén formaron parte do mesmo María Tarsy Carballás Fernández, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, José Ramón Alonso Fernández, do Hospital Clínico Universitario de Santiago, Alberto Arce Arce, do Departamento de Enxeñaría Química da USC, e Xulia Guntín Araújo, subdirectora xeral de Xestión do PGIDIT da Xunta de Galicia.