Oficina CEER
 09-06-2009
II Xornada de Investigación Biomédica de Vigo

A xeración e transferencia de coñecementos en biomedicina e ciencias da saúde precisa do traballo conxunto de equipos de investigadores e dunha interacción que nutra a calidade da investigación. De aí a importancia de fomentar o intercambio de ideas e de celebrar encontros nos que os investigadores que traballan por separado entren en contacto e estimen a conveniencia de establecer algún tipo de colaboración. Con este obxectivo o vindeiro 10 de xuño celebrarase a II Xornada de Investigación Biomédica de Vigo na que tomarán parte a totalidade de grupos de investigación en Ciencias Biomédicas que traballan tanto no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo como na Universidade. 25 grupos do Chuvi e 15 da Universidade presentarán ese día máis de 60 comunicacións encadradas nas área de nanomedicina, bioinformática, xenética e molecular, cáncer, infecciosas e inflamatorias e neurociencias.

“Coñecemento mutuo entre equipos de investigación en Ciencias Biomédicas que están no Chuvi e na Universidade e fomento das sinerxías e nun futuro, aínda que xa se está dando, potenciar o desenvolvemento de traballo conxunto enfocado a investigación en biomedicina”, son, segundo explica Federico Mallo, profesor do Departamento de Bioloxía Fundamental da Universidade de Vigo, os obxectivos da xornada.

Sen embargo estas necesarias sinerxías son xa unha realidade e proba dela son as unidades de investigación compartidas que viron de xeito significativo aumentado o seu número, pasando de seis o ano pasado a alcanzar a ducia na actualidade. “É unha estratexia moi importante”, destaca Federico Mallo “que é o que trata de fomentar as xornada: o traballo conxunto entre Universidade e SERGAS”.

A falta de visibilidade da investigación biosanitaria na contorna de Vigo
A pesar de dispor de cinco hospitais na súa contorna que suman máis de 5000 camas e un millón de persoas dependentes dos mesmos, na área de Vigo a investigación biosanitaria carece da visibilidade que lle corresponde. “Fanse cousas, hai un potencial enorme pero isto non é visible”, lamenta Federico Mallo que lembra que “a área sanitaria de Vigo e a máis importante de Galicia e está entre as dez primeiras cidades de España nos parámetros que un avalíe e sen embargo o tema investigador está por desenvolver”.

Como inverter esta situación? O profesor do Departamento de Bioloxía Fundamental da Universidade de Vigo, teno claro: “da interacción entre básica e clínica é do que se nutre a calidade da investigación biomédica e é ao que ten que aspirar non só a Universidade de Vigo, senón toda a área sanitaria”, afirma Mallo que engade que “o que pense que a investigación biomédica vaise circunscribir por una parte a aspectos clínicos e por outra a aspectos básicos e quere ser competitivo a nivel nacional e internacional está equivocado”.

Para Federico Mallo “a Universidade ten un papel importante como catalizador” neste proceso, aínda que asegura “tense que sustentar na capacidade dos grupos” que contan cun importante recoñecemento a nivel nacional en moitos aspectos.