Oficina CEER
 19-06-2009
II Curso de Divulgación Científica na Sociedade na UDC

Ata o 23 de xuño terán de prazo as persoas interesadas en matricularse no II Curso de Divulgación Científica na Sociedade que se desenvolverá na Universidade da Coruña do 30 de xuño ao 2 de xullo. Nesta edición, organízase por primeira vez de forma paralela un ciclo de cine científico que comezará o día 23 de xuño e rematará o 3 de xullo. Os asistentes que se matriculen nas dúas iniciativas obterán dous créditos de libre elección.

O obxectivo deste curso é servir de enlace entre os medios de comunicación e o persoal investigador, así como ofrecer ferramentas para que os asistentes ao curso se poidan desenvolver eficazmente como divulgadores. Á vez é un xeito de amosar a investigación que se está a realizar na Universidade da Coruña. Así, o curso está destinado a alumnos universitarios, a profesores, xornalistas e persoas en xeral interesadas na comunicación da ciencia.

O martes, 30 de xuño, ás 10:00 horas, no Paraninfo da Reitoría, terá lugar a primeira conferencia baixo o nome “Como facer a ciencia interesante?” a cargo de José Pardina, director da revista Muy Interesante, á que lle seguirá outra conferencia co título “A divulgación científica en 360º”, a cargo de Silvia López, responsable do Programa de Comunicación e Sensibilización Social do Plan Galego de I+D+i. Posteriormente, ás 13:00 horas, celebrarase a primeira mesa redonda do curso na que participarán Ana Isabel González, vicepresidenta da Unión de Editoriais Universitarias Españolas, Henrique Monteagudo, director do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia e coordinador da Comisión de Publicacións e Biblioteca do Consello da Cultura Galega, e Carlos Iglesias, da Editorial Netbiblo, para falar da difusión do coñecemento polas editoriais. Esa tarde, ás 15:30 horas, levarase a cabo unha visita a La Voz de Galicia.

Ao día seguinte, mércores, 1 de xullo, ás 10:00 horas, na Sala do Consello de Goberno da Reitoría, levarase a cabo a primeira conferencia do día a cargo de Pilar Pintor, directora da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación da Universidade da Coruña, que tratará de explicar o funcionamento deste departamento. A continuación, Patricia Fernández de Lis, responsable da sección de ciencia de Público, falará ante os asistentes sobre a información da ciencia nos xornais. Ás 16:00 está prevista unha visita guiada ao Centro de Innovación tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) e ao Servizo de Apoio á Investigación (SAI) da Universidade da Coruña.

O xoves, 2 de xullo, ás 10:00, na Sala do Consello de Goberno, María José Arrojo Baliña, profesora na Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC, comezará a xornada cunha conferencia baixo o título “A importancia da imaxe na transmisión de información”. Ás 11:00 horas, Claudi Mans, catedrático de Enxeñaría Química da Universidade de Barcelona, articulista e autor de libros de divulgación científica exporá ante o público cales son os conceptos científicos cotiáns. A esta conferencia seguiralle unha mesa redonda composta por Xosé Manuel Pereiro, presidente do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Jesús Flores Vivar, da Asociación de Periodistas Bloggers, e Raúl Romar, xornalista científico de La Voz de Galicia, na que se debatirá a cerca do xornalismo tradicional e as novas tecnoloxías. Para finalizar, ás 16:00 horas, está previsto un obradoiro no que se amosará aos asistentes como dsenvolverse nunha entrevista para televisión.

Este ano introdúcese un ciclo de cine científico, en colaboración con UNICAJA-ASECIC, composto por un total de nove documentais. A asistencia ao ciclo de cine é libre aínda que as persoas que asistan ao ciclo de cine a ao curso de divulgación científica obterán dous créditos de libre configuración.

A inscrición farase na Oficina de Cursos e Congresos da Universidade da Coruña, ben a través do correo electrónico occ@udc.es, ou a través do teléfono 981 167 000, ext.: 1963.

O prezo do curso é de 20 euros para os membros da comunidade universitaria, e de 25 euros para o público en xeral.