Oficina CEER
 26-06-2009
A institución docente compostelá convoca o I Premio ‘A USC crea, a USC innova’

Con motivo da celebración do Ano da Creatividade e a Innovación, a Universidade de Santiago de Compostela convoca o I Premio ‘A USC crea, a USC innova’, que leva por lema ‘1º Concurso de pequenas ideas que de maneira creativa melloran a nosa vida diaria’. O seu obxecto é dar a coñecer as distintas iniciativas innovadoras que, impulsadas por persoal vinculado á USC, se están levando a cabo no contorno máis inmediato, facendo agromar todas aquelas accións que abordan cuestións do día a día de maneira creativa e orixinal.

As principais características desta convocatoria presentounas en rolda de prensa a vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso, e a directora de xestión da Investigación, Sonia Martínez Arca. O Premio demostrará como a innovación “non debe guiar só as ‘grandes ideas’ que desembocan na creación dunha empresa de base tecnolóxica ou nun cambio de paradigma”, senón tamén todas aquelas ‘pequenas ideas’ que de maneira creativa melloran a vida diaria.

A esta convocatoria poderán presentarse, a título individual ou en grupo, todas aquelas persoas vinculadas estatutariamente á USC, funcionario e laboral ou estudantes de calquera nivel. Segundo explicou Mª José Alonso, premiaranse aquelas iniciativas que estean en fases avanzadas de deseño ou xa rematadas e que sobre sobresaian pola súa creatividade e innovación “á hora de afrontar unha cuestión ou un problema concreto do día do día”.

Na selección de propostas teranse en conta como criterios de referencia o carácter innovador, o creativo, viabilidade e madurez, sustentabilidade, impacto e proxección. A temática das propostas poderá estar relacionada coa xeración de coñecemento, a educación, a cultura, a formación, a solidariedade, a divulgación, a docencia, a investigación, o deporte, a vida universitaria ou a xestión de calquera destes aspectos.

Premiaranse un máximo de tres accións, cun primeiro premio dotado con 1.500 euros, o segundo con 1.000 e un terceiro de 500 euros. A admisión de orixinais rematará o 30 de setembro de 2009.

Ligazóns relacionados:
http://imaisd.usc.es