Oficina CEER
 02-09-2009
Curso de Monitores de Tempo Libre Galicia-Norte de Portugal

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e o Instituto Português da Juventude (IPJ) convocan un curso de monitores de actividades de tempo libre, dentro do proxecto "Espazo Xuvenil" que se celebrará en Viana do Castelo, a partir do 21 de setembro. Este proxecto foi aprobado ao abeiro do Programa de Cooperación Transfronteirizo España _ Portugal (2007 _ 2013), área de Cooperación Galicia _ Norte de Portugal.

Contexto
Espazo Xuvenil (acrónimo do proxecto Un Espazo Novo na Axenda de Lisboa), ten como obxectivo principal promover a cooperación institucional en materia de políticas de xuventude para que os mozos se queden a vivir e traballar na zona transfronteiriza galego-portuguesa, este obxectivo de carácter estrutural dá lugar a outro máis específico no que se encadra esta acción o Fomento do espírito emprendedor.

Espazo Xuvenil quere ter como resultados finais que a xuventude de ambos lados da fronteira creen empresas e fomenten o autoemprego nos sectores da cultura, do tempo libre e das actividades socioculturais, grazas á cooperación transfronteiriza. Doutra banda as instalacións e os recursos existentes (albergues xuvenís, pousadas, oficinas de información xuvenil, etc.) verán incrementada a súa actividade e serán máis utilizadas por parte dos mozos e mozas, e xa que logo o proxecto servirá como motor de actividade. Converteranse así en verdadeiros espazos transfronteirizos nos que a xuventude disporá de recursos para levar a cabo os seus proxectos.

Curso de Monitores
Co obxectivo de que todos os rapaces e rapazas portugueses poidan estar capacitados para desempeñar o seu traballo como monitores en Galicia e ao mesmo tempo o IPJ homologue aos mozos e mozas galegos para traballar no eido do tempo libre en Portugal. O curso está aberto á participación de mozos e mozas galegas interesados, que cumpran os seguintes requisitos: ser maior de 18 anos e estar en posesión do título de Graduado en ESO (ou graduado escolar).

O curso celebrarase na Pousada da Juventude de Viana de Castelo en Rua da Limia 4900- 405.

Para a obtención do título oficial da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado haberá que superar dúas fases: unha primeria fase teórico-práctica de 200 horas; e unha segunda fase de prácticas dentro dun proxecto educativo de tempo libre.

A primeira fase, a teórico-práctica, terá unha duración de 200 horas, organizadas en 20 xornadas de 10 horas cada unha.

A segunda e última fase será a fase de prácticas, sendo posible realizala de dúas formas:

14 días de actividade intensa ao aire libre (campamentos, colonias,...) en bloques non inferiores a 3 días.

150 horas en actividades cunha entidade que traballe no eido da educación no tempo libre.

O curso lectivo comenzará o día 21 de setembro ao mediodía ata o 4 de outubro ao mediodía, en réxime intensivo, e continuará os días 12 e 13 de decembro e do 19 ao 23 do mesmo mes.

A dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, a través do programa de cooperación transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal asumirá os custos de participación de todos os alumnos e alumnas, incluída a matrícula, o aloxamento e a manutención.

O prazo de inscrición estará aberto ata o día 14 de setembro, debendo remitir as persoas interesadas en participar no curso a ficha de inscrición que se xunta ás seguintes direccións de correo electrónico reyes.blanco.martinez@xunta.es, ou maria.jesus.fuentes.varela@xunta.es. A solicitude de participación tamén se pode facer por teléfono chamando aos números 981 544735 e 981 999189. Os seleccionados recibirán confirmación o día 15 de setembro.