O 16 de Setembro: Acto central do Ano Europeo da Creatividade e da Innovación en Galicia.
A Consellería de Economía e Industria organiza esta xornada, enmarcada na celebración do Ano Europeo da Creatividade e da Innovación, co obxectivo de estimular a participación galega nos programas estatais que xestionan o Fondo Tecnolóxico, a través da presentación aos axentes do Sistema Galego de Innovación dos instrumentos a través dos que poden optar a el, así como da exposición de proxectos galegos que xa foron aprobados.
O Programa Operativo I+D+i por e para o beneficio das Empresas – Fondo Tecnolóxico ten como obxectivo xestionar os 2.000 millóns de euros de fondos FEDER adicionais asignados ao Estado español para actividades de I+D+i. Na distribución entre autonomías deste fondo a Galicia correspóndenlle máis de 405 millóns de euros.
O Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) -Ministerio de Ciencia e Innovación- é un dos organismos que maior dotación deste fondo xestiona. Para elo, pon a disposición da industria catro instrumentos de apoio: os tradicionais proxectos individuais de I+D e as modalidades novas de proxectos integrados, proxectos de cooperación tecnolóxica entre PEMES e proxectos de cooperación interempresas nacional. Pola súa banda, a Xunta de Galicia subscribiu un acordo de colaboración con CDTI para estimular a participación galega nos programas de axuda estatais e internacionais e difundir a transferencia da tecnoloxía desenvolvida en Galicia.
Por último, desenvolverase unha sesión dirixida a introducir técnicas de innovación nas organizacións a través da creatividade. Un representante do proxecto Disonancias, recoñecido pola Comisión Europea como exemplo de boas prácticas no ámbito da creatividade e da innovación, exporá como, a través da colaboración entre artistas e axentes do Sistema de I+D+i, se chega a novas e diferentes vías de innovación.
Público ao que está dirixida a xornada: axentes do Sistema galego de Innovación (universidades, centros tecnolóxicos, organismos públicos de investigación, empresas e organismos de intermediación), especialmente empresas.