O escritor galego Xabier López publica un novo relato no Club de Lectura Virtual Eurorrexional
O escritor Xabier López López, natural de Betanzos, ven de publicar o seu relato Cabaliño do Tsar no espazo web do Club de Lectura Virtual do CEER , dispoñible para a súa lectura e descargar a tódolos usuarios pertencentes ao club.
A Fundación CEER creou o Club de Lectura Virtual Eurorrexional co afán de promover novas pontes de diálogo, interacción, intercambio e coñecemento mutuo entre Galicia e o norte de Portugal. O CEER entende que achegar as nosas sociedades a través da literatura, pode ser un bo camiño para conseguilo.
Esta nova vía de comunicación nace coa intención de acercarnos a escritores como Xabier López López, que de forma desinteresada colaborou co Club de Lectura ao entender que supón unha interesante ferramenta de difusión da literatura, ao alcance de todos. Esta publicación dará pe a seguir debatindo sobre literatura galega e portuguesa dende as diferentes visións aos dous lados da Raia.
Do mesmo xeito, o Club de Lectura Virtual supón unha aproximación das Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación como mecanismo para a difusión da cultura e da lingua. O ámbito territorial no que se insire o CEER é a Eurorrexión Galicia Norte de Portugal, que conta cunha poboación de máis de seis millóns de habitantes, polo que colaboramos na idea de expandir a cultura, tanto entre os galegos como entre os veciños do Norte de Portugal, e grazas ao carácter virtual podemos ser visitados por calquera persoa do planeta con acceso a Internet.
En definitiva dende o CEER esperamos que este Club de Lectura virtual se converta nun espazo de interacción, debate e coloquio sobre a literatura e nos achegue un pouco máis a estes mundos imaxinarios que escritores como Xabier López nos teñen afeitos a facer.