Oficina CEER
 10-09-2009
Vigo convértese esta semana na capital nacional da calidade universitaria

O acto de inauguración do VI Foro sobre Evaluación de la Calidad de la Educación Superior y de la Investigación converteuse nunha firme defensa da educación e da I+D como base para a construción dunha nova sociedade como saída á actual situación de crise mundial.

O reitor, Alberto Gago, reivindicou o papel das universidades, como xeradoras de coñecemento e centros de investigación, neste novo camiño que debe definir o futuro das sociedades avanzadas. “A crise non pode servir para acalar as voces que demandan que a educación e a I+D sexan prioridades absolutas, xa que nos xogamos o futuro país, e este foro pode trasladar esta demanda á sociedade”. Así, Gago advertiu que os recortes no financiamento universitario non poden afectar “nin á calidade nin á I+D”, porque son cuestións que “significan o futuro da sociedade”.

Neste mesmo sentido pronunciouse tamén Gualberto Buela-Casal, organizador do evento que salientou a alta calidade, tanto da educación superior como do sistema de I+D+i en España, que sitúan ao país entre os dez con máis produción científica. Xunto con eles, no acto de inauguración estivo presente o director xeral de Universidades da Xunta de Galicia, Alberto Díez de Castro, que fixo fincapé no vertixinoso crecemento do estudo da calidade na educación nos últimos anos, “algo se demostra coa importante resposta de asistentes a este acto”. “Este é un gran mérito das universidades”, apuntou Díez de Castro, “ao inculcar na sociedade este espírito de mellora continua que permite un mellor lugar nos ránkings de universidades, no financiamento, na calidade e na imaxe da educación superior”.

Pola súa banda, a presidenta da ACSUG, Mª Patrocinio Morrondo, salientou a importancia das máis de 400 conferencias, relatorios e simposios que se encadran neste foro, “para poder aplicar os resultados no noso traballo diario”.

O acto inaugural contou tamén coa presenza Laura López Atrio, concelleira de Educación e de Guillermo Brea, director da Obra Social de Caixanova, que deron a benvida aos asistentes á cidade de Vigo.

Un éxito de participación, con máis de 700 asistentes O Foro sobre Evaluación de la Calidad de la Educación Superior y de la Investigación naceu como un curso de verán da Universidad de Granada pero a súa progresión fai del na actualidade o principal simposio deste tipo a nivel nacional. Esta sexta edición, organizada polas universidades de Vigo e Granada xunto co FECYT, bateu o récord de asistentes e congregando a “702 representantes de institucións e entidades relacionadas coa avaliación da calidade docente e investigadora no ámbito da educación superior, entre reitores, vicerreitores, profesores, investigadores e responsables de xestión universitaria”, segundo explica Gualberto Buela-Casal. Deste xeito, ata o día 11 danse cita en Vigo expertos das 52 provincias españolas e de países como Costa Rica, Italia, Colombia ou México. “Pensamos que na pasada edición en San Sebastián acadáramos o noso teito”, apuntou Buela-Casal, “pero a aposta do ex-vicerreitor de Investigación e principal impulsor deste congreso, Manuel Reigosa, por facelo en Vigo resultou un grande acerto”.

Entre os relatores que participaran ao longo da semana neste simposio atópanse Federico Gutiérrez-Solana Salcedo, presidente da Conferencia de Rectores de Universidades Españolas; Rafael Rodrigo Montero, presidente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas; Lourdes Arana, directora xeral da FECYT ou José Manuel Fernández de Labastida, director xeral de Investigación y Gestión del Plan Nacional de I+D+i.

Debaterase sobre futuro da educación superior Co propósito de avanzar na futuras ferramentas e políticas de avaliación da calidade, tanto na docencia como na investigación, a sexta edición deste foro converte a Vigo “na capital nacional universitaria”, segundo explicou Reigosa. Neste sentido, salientou que “ao longo desta semana debateranse temas que poden, nun futuro próximo, formar parte das políticas universitarias, xa que aquí se presentan borradores e informes que máis adiante se fan públicos”. Entre outros temas, este congreso tenta cubrir unha oferta formativa especializa que permita aos asistentes coñecer a nova organización do ensino universitario, analizar e debater sobre a selección do profesorado, coñecer os diferentes sistemas de avaliación da calidade das revistas científicas e o labor de difusión e axuda prestada pola FECYT e debater sobre a situación do doutoramento en España e na UE.

Outros dos obxectivos desta xuntanza son propiciar unha posta ao día da situación actual do proceso de converxencia europea así como coñecer os distintos plans que teñen as universidades para potenciar a I+D+i, a calidade e converxencia e achegarse ás diferentes ferramentas para avaliar a calidade da investigación científica.