A posición da muller na universidade española segue sen consolidarse nos altos cargos
A nivel mundial o acceso da muller á universidade prodúcese con un importante retraso respecto do home, debido principalmente á función que un e outro desempeñaban na sociedade en xeral. Foi a comezos do século XX cando se empezaron a rachar fronteiras e as mulleres fóronse incorporando de maneira paulatina aos estudos universitarios. Precisamente, a presenza feminina na universidade foi esta mañá obxecto de análise e debate nun dos simposios que conforman a programación doVI Foro sobre Evaluación de la Calidad de la Educación Superior y de la Investigación, que se está a celebrar en Vigo ata o vindeiro venres.
Baixo o título Estudios de Género, unha das doce áreas temáticas do congreso, presentáronse tres comunicacións en torno á figura feminina nesta institución académica. Cada vez é maior o número de mulleres universitarias, aínda que nos postos e cargos de máis prestixio e responsabilidade apréciase unha ausencia significativa destas polo que é preciso a posta en marcha de medidas de acción positivas e plans de igualdade.
Paridade real ou só unha mera aparencia?
As profesoras María Antonia García Benau e Ana Zorio, da Universitat de València, achegaron os seus coñecementos sobre o tema a través dunha reflexión, sobre todo mirando cara atrás, xa que “aínda que polo de agora non fixemos ningún estudo empírico, a historia serve para explicar certas cousas”, aseguraba García Benau. No curso 1900/1901 eran nove as mulleres matriculadas, no 1909/1910 o número ascendeu a 21 e “teríamos que esperar á década dos 40, pero sobre todo, á metade dos 70, para observar un rexistro maior, pero aínda minoritario fronte aos homes”, explica a profesora.
Cinguíndonos á última década, “os gráficos de tesoiras cos que traballamos amósannos unha presenza lixeiramente superior do suxeito feminino, non obstante nos estudos de doutoramento a porcentaxe cae un pouco, un descenso asociado quizais ao rol que a muller desenrola no seo familiar”, sostén García Benau. Nas funcións de profesor e investigador a tendencia é igualitaria, as diferenzas significativas atópanse nos altos cargos, “os corpos de niveis máis iniciais están ocupados na súa maioría por mulleres pero a medida que avanzamos diminúe, rexistrándose só un 13% de catedráticas. As vicerreitoras xa son máis, pero menos que decanas, e estas menos que directoras de departamento”.
A presenza da muller na xestión universitaria e nos núcleos de poder é claramente minoritaria, un dato significativo é a existencia de 15 reitoras no total das universidades públicas e privadas de España. “Non é tempo o que precisamos, pois o propio Goberno está a potenciar políticas de igualdade, ademais da existencia da Unidade da Muller e Ciencia ou da Comisión Muller e Ciencia”, sinalaba García Benau. Nesta liña, unha das asistentes á comunicación comentaba que “aínda que os efectos tardan en verse, nunca pasaremos por unha fase onde haxa máis mulleres que homes, pois hai unha inercia escrita na sociedade que leva unha cota implícita que os favorece a eles”.
Equidade no rendemento
É certo que unhas carreiras atraen máis a un sexo que ao outro, “pero simplemente é por cuestións de gustos e preferencias”, apuntaba García Benau, “non porque estean uns máis preparados que outros para adquirir determinados coñecementos”. Cadaquén na súa área, os homes máis nas ensinanzas técnicas e as mulleres en ciencias da saúde, “o rendemento é similar”, engadía Alejandro Guillén-Riquelme, coordinador do simposio e un dos relatores da sesión.
Guillén-Riquelme, da Universidade de Granada, presentou un estudo, elaborado xunto cos seus compañeiros Ottavia Guglielmi e Gualberto Buela-Casal, sobre o rendemento no doutoramento de homes e mulleres beneficiarios das bolsas FPU e FPI, para o cal colleron unha mostra de 3463 bolseiros do curso 2002/2003. “Os programas de formación son unha seguridade para o doutorando, son catro anos asegurados con dedicación exclusiva”, explica. Visto o pequeno descenso de mulleres matriculadas na universidade ao chegar a esta etapa, “este tipo de axudas suponlles un incentivo para continuar a súa carreira investigadora”.
Por outra parte, Anna Villarroya e Maite Barrios achegaron o caso concreto de Cataluña que, segundo elas, é moi similar ao de todo o territorio español. Centrándose na obtención do doutoramento, estas profesoras da Universidade de Barcelona, analizaron o xénero dos académicos das universidades públicas da comunidade que presentaron tese doutoral entre 1990 e 2005 e que na actualidade seguen vinculados e estes centros. “A pesar que se produce unha equiparación ao paso do tempo”, remarca Villarroya, “un 61,8% das teses foron elaboradas por homes”; ademais, o 78% foron dirixidas tamén por un suxeito masculino, “destacando aquí a existencia, a partir de 1999, de coodireccións mixtas”. Respecto da relación doutorando e director, a tendencia é que as mulleres teñan unha directora ou dirección mixta e os homes un director. A isto engádeselle que tan só o 10,6% dos tribunais está presidido por unha muller e que a proporción media de mulleres no resto de membros da mesa é do 18%