O blog de Galaxia Editorial recolle nun artigo a experiencia do Club de Lectura Virtual Eurorrexional
O blog da Editorial Galaxia recolle nun artigo diferentes consideracións sobre as potencialidades do Club de Lectura Virtual Eurorrexional e a utilidade de acercar a literatura galega a Portugal e viceversa. Reproducimos aqui o artigo:
Dende a Fundación do Centro de Estudos Eurorrexionais sempre se considerou que a xeración de contidos é unha necesidade tanto en Galicia como no Norte de Portugal. A creación de contidos atraintes para a poboación local permitirá que a xente vexa a utilidade que pode ter o uso da internet e se adentre neste mundo virtual.
Con esa intención, decidiuse crear o primeiro Club de Lectura virtual eurorrexional, coa intención de tecer un espazo de acercamento dos sistemas literarios galegos e portugués. A creación de comunidades é unha necesidade na era da Sociedade da Información, é crear unha comunidade en torno a lectura considerouse como altamente necesario; primeiro por seguir na liña de espallar o coñecemento e acercar a cultura a calquer recuncho do planeta e segundo por entender que compría acercar as dúas literaturas que por diversos motivos, tan pouco interactúan.
O Club de Lectura virtual Eurorrexional, naceu formalmente en novembro de 2008 nunha presentación que contou coa presenza do presidente do CEER e reitor da USC Senén Barro Ameneiro, así como outras autoridades e tivemos a honra de contar cos escritores Carlos Losada e Rubén Ruibal, recente Premio Nacional de Obra Dramática, o que motivou que as primeiras obras seleccionadas fosen Fume e Insomnio. Así mesmo publicouse o relato inédito até o de agora “O cabaliño do Tsar” escrito por Xabier López López, outra figura emerxente do panorama literario galego.
Dende o CEER considerouse que a creación de espazos de intercambio de coñecemento e información é unha necesidade, e por este motivo tense apostado nos últimos anos por desenvolver proxectos como o Museo virtual universitario Eurorrexional ou a posta en marcha do Plan de Comunicación 2.0, coa intención de escoitar e falar cos cidadáns galegos e do Norte de Portugal ou doutros territorios que visiten a web www.fceer.org
O Club de Lectura virtual Eurorrexional ten un intenso futuro por diante, pretendendo chegar a ser unha ferramenta tanto para os estudantes, que poderán charlar cos nosos veciños portugueses e viceversa, como para calquer interesado en xeral pola literatura. Esperamos que a iniciativa contribúa a acercarnos un pouco máis a literatura lusófona e sexa unha xanela máis do que dende aquí somos capaces de crear.