Ao longo dos vindeiros días, 16, 17 e 18 de setembro, a Facultade de Informática da Universidade da Coruña vai acoller as XX Xornadas de Paralelismo que organiza o Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC, e que servirán, entre outras cousas, como punto de encontro de moitos investigadores para intercambiar experiencias e presentar relatorios na súa especialidade.
Estas Xornadas de Paralelismo constitúen o congreso de referencia nacional na área de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores, e nesta edición contarán con dous relatorios plenarios: o do profesor Mark Baker, da Universidade de Reading (Reino Unido), que versará sobre Cloud Computing e os seus servizos, e o de Enrique Quintana—Ortí, da Universitat Jaume I (Castellón), que tratará sobre técnicas superescalares na construción de bibliotecas numéricas para procesadores multinúcleo e GPUs. Alén disto, presentaranse dúas sesións técnicas a cargo de HP España e Bull España.
O programa destas xornadas inclúe tamén dúas mesas redondas sobre asuntos de actualidade e grande interese; unha delas trata sobre como trasladar as fichas de grao e mestrado en informática aos novos plans de estudo e a outra sobre transferencia do coñecemento universidade-empresa.
O programa deste evento quedou estruturado en máis de 20 horas de traballo, repartidas en 24 sesións que cobren todos os tópicos desta área temática.
Fonte: Código Cero