A Peneira, xornal editado no sur de Galicia realizou unha entrevista ao director do CEER, co obxectivo de difundir esta nova, reproducimos exactamente o publicado polo xornal A Peneira.
O espazo universitario da Eurorrexión Galiza-norte de Portugal está conformado por 140.000 estudantes e uns 12.000 profesores e investigadores. A Fundación Centro de Estudos Euro Rexionais (CEER) traballa a prol de buscar fontes de coñecemento, superando o que serían as pontes físicas que unían ambas marxes do Miño. Nel traballan as universidades galegas de Vigo, Santiago e A Coruña xunto ás portuguesas de Porto, Minho e Trás-os-Montes Alto Douro. Carlos Ferrás, director da institución, ten claro que o que toca é unir persoas e conectar cerebros para buscar un progreso económico, social, cultural, entre esta grande masa de universitarios que ten a Eurorrexión. Unha idea xa en marcha dende o 2004 que conta cun portal web como ferramenta base de comunicación. No enderezo www.fceer.org atopamos unha importante axenda de actividades, as novas das seis universidades e ata un club de lectura común.
-Goza de boa saúde a relación interuniversitaria entre Galiza e o norte de Portugal?
-Vista desde a perspectiva actual goza dunha saúde estupenda. Partía duns niveis moi baixos e actualmente existen inercias institucionais entre as seis universidades públicas de Galiza e norte de Portugal que é o que dá orixe á Fundación CEER. Nacemos no 2004 para dialogar e poñer en relación a comunidade universitaria deste amplo territorio.
-Que papel xogou desde o 2004 a Fundación CEER na mellora desas relacións?
-A Fundación CEER impulsa un proxecto estratéxico que é o campus virtual. Somos conscientes de que as tecnoloxías da comunicación e información permiten obviar a distancia. Polo tanto sabemos que temos que poñer en relación e facer conexións de coñecemento mútuo entre unha grande comunidade universitaria que conforma a Eurorrexión. Por poñer un dato ilustrativo: as universidades públicas deste territorio teñen aproximadamente 140.000 estudantes e uns 12.000 profesores e investigadores. É a mesma cifra que ten a comunidade universitaria na Área Metropolitana de Barcelona. Se nós relacionamos iso coa superación das distancias a través das novas tecnoloxías de comunicación, evidentemente estaríamos a traballar por construír pontes de coñecemento nun gran proxecto, entre as universidades públicas da Galiza e o norte de Portugal.
-Editan unha revista, organizan seminarios, xestionan unha completa páxina web e todo coordinando universidades ben diferentes. É difícil tendo en conta, ademais, de que falamos dunha institución a cabalo de dous países?
-Realmente é difícil e complicado. Sen embargo hai que ter presente que temos ao noso favor elementos que o facilitan. Un é a afinidade lingüística, cultural e histórica de Galiza co norte de Portugal. Dous, a posibilidade xeográfica que implica unha aproximación aos coñecementos mutuos que xa houbo dende tempos pretéritos. E tres, o grande valor engadido que dan as novas tecnoloxías para establecer ese tipo de conexións. Ao final as universidades son factorías de coñecemento. Un coñecemento que circula a través das novas tecnoloxías. Polo tanto as distancias dilúense, desaparecen e podemos promover ese entendemento, esas mesas de diálogo e de traballo sinérxico entre as seis universidades. Sen embargo hai que ter en conta que as universidades compiten entre elas. As universidades non son concellos, nen son deputacións. Son centros de coñecemento que realizan actividades de formación, investigación, xeración de ideas, e diríxense a unha sociedade aberta e plural. Cada universidade ten o seu perfil e compite por traer o mellor da sociedade e da empresa, é unha realidade e é positivo. A competitividade é positiva para facer evolucionar a economía e a innovación. É tremendamente estratéxico para a Eurorrexión que as universidades poidan colaborar e poidan establecer vínculos, realizar proxectos conxuntos de cara a buscar o beneficio de todas.
-Apoian proxectos que teñan que ver coa Eurorrexión. Que criterios seguen na elección dos mesmos? Centralízase esta función na Fundación ou está a cargo de cada universidade?
-Cada universidade ten os seus servizos é as súas infraestruturas, equipamentos de investigación. Cada universidade xestiona os seus grupos de traballo e programa as súas liñas estratéxicas. O CEER non é unha nova universidade nin é unha macro universidade que se superpón a esta estrutura. É un instrumento que permite coordinar, dialogar, poñer a traballar en rede o que son os recursos de investigación das universidades de cara a facelos competitivos a nivel internacional. De cara a facelos atractivos diante dos organismos internacionais. O CEER o que procura son oportunidades para esas redes de investigadores que conforman as seis universidades.
-Un dos grupos de investigación, dentro da denominada Literatura Española, realiza un traballo que procura a publicación das obras completas de Quevedo. Entraría este grupo dentro do que entendemos por Eurorrexión?
-Remítese a unha base de datos que temos na páxina web da Fundación e na que se recollen máis de 80 grupos de investigación que declararon interese en traballar en rede a grupos afíns. Os temas son múltiples e variados como corresponde á universalidade do coñecemento como corresponde a unha universidade. A universidade non é un instituto de ensino medio. Unha universidade non se cingue territorialmente en canto a coñecemento á Eurorrexión senón que trascende a todo iso. A universidade o que busca é a universalidade do coñecemento. Evidentemente hai grupos de investigación de literatura española que poden perfectamente traballar en liña con equipos de Portugal e investigar a Quevedo. Por que non? Non hai que poñer cancelas ao coñecemento.
-Como inflúe o novo Plan de Estudos europeo no traballo que está a desenvolver a Fundación CEER?
-A Fundación ten unha clara vocación de innovación. Conformada por seis universidades de dous estados distintos, a Fundación é unha institución cando menos orixinal. A nosa experiencia é observada desde Bruxelas, xa que poñer a traballar en rede distintas universidades nunha zona transfonteiriza supón por en valor unhas capacidades de innovación e de traballo en colaboración que é dificil de atopar noutros lugares. O caso da Fundación é único a nivel internacional e a súa páxina web, dentro do que son os espazos transfonteirizos, está situada nos mellores postos a nivel internacional. A experiencia ten un atractivo moi importante. En canto ao Espazo Europeo de Educación Superior a Fundación apoia ese proceso porque significa rachar coas fronteiras. Permite a movilidade de investigadores, profesores e alumnos no espazo europeo. Nós polo que traballamos é polo derribo das fronteiras no sector do coñecemento en Europa, neste caso entre Galiza e o norte de Portugal.
-Historicamente a relación entre Galiza e o norte de Portugal está amplamente demostrada. Aínda así, temas como a lingua e as propias orixes do Estado portugués seguen a ser en moitas universidades particularmente complicadas de explicar, sobretodo pola parte portuguesa que en moitas ocasións relaciónase connosco a través de Madrid. O CEER ten constancia de que se está a mellorar esta situación?
-Ás veces os problemas créanse onde non existen. Na Fundación o padroado, que está conformado polos seis rectores que se reúnen periodicamente, aprobou unha resolución na que se especfica que se poden empregar o galego e o portugués. As universidades portuguesas empregan o galego sen problema e as galegas o portugués. Non temos máis traballo administrativo por iso. Traducir os documentos a outros idiomas e perder tempo e recursos. Así podemos centrarnos en promover o desenvolvemento e a innovación que son as actividades propias da Fundación.
A Eurorrexión é unha unidade territorial recoñecida pola UE a partir dunhas políticas que buscan a conformación dun territorio de base europea. As fronteiras dos Estados-nación dilúense nese concepto. A partir de aí a UE dende os anos 80 promove políticas transfonteirizas de encontro dentro de ámbitos políticos, culturais, deportivos, etc, Que haxa esas relacións e esa fin das fronteiras dos Estado-nación para buscar ese depósito europeo común. Nese contexto é no que nace o CEER xa que foi financiado por proxectos Interreg desde Bruxelas. A Eurorrexión Galiza-norte de Portugal ten a súa orixe en fundamentos historicos. O propio concepto de Gallaecia era a rexión ao norte do Douro no noroeste peninsular do que derivou Galiza. A propia afinidade lingüística co galego como lingua nai do portugués e as relacións culturais, étnicas, históricas entre os galegos do sur, que serían os habitantes do norte de Portugal, e os galegos do norte, que serían os galegos actuais, son o berce do concepto de Eurorrexión que temos hoxe en día. Doulle unha lectura innovadora tendo en conta o contexto no que estamos hoxe en día. Buscar conceptos que reivindiquen un novo Estado-nación coido que sería un anacronismo, tendo en conta de que todos formamos parte dese gran proxecto común que é Europa.
-De todos os xeitos semella que hai sempre máis achegamento dende Galiza a Portugal que ao revés... Non hai moita relación directa que sería o ideal, non?
-Hai unha barreira no que sería o proceso de descentralización que realizou o Estado español a partir do cambio de réxime político e a chegada das Autonomías. Portugal segue sendo un Estado centralizado. Houbo un referéndum onde os portugueses rexeitaron a vía da descentralización. Por este motivo en Portugal todo pasa por Lisboa e o seu referente é Madrid. En Galiza temos o Estatuto de Autonomía con competencias case exclusivas en moitas áreas, entre elas as universidades. Por este motivo ás veces chocamos coa administración portuguesa e non temos un interlocutor válido no norte de Portugal con figura xurídica afín á Xunta para poder sentarse a traballar. No norte de Portugal coido que cada vez son máis concientes do freo que representa ao seu desenvolvimente a centralización exclusiva en Lisboa. Xa hai novos movimentos cívicos a favor dun novo referéndum. Veremos a ver que pasa.
-Cales son os proxectos máis importantes nos que está a traballar a Fundación de cara ao vindeiro curso?
-Estamos promovendo un espazo de cultura universitaria eurorrexional. Mantivemos xa tres reunións dos vicerreitores de deportes e cultura das seis universidades. Están comezando a artellar as súas axendas para que poida haber programas específicos de cultura universitaria nas súas universidadescon teatro, música, danza, etc. Tamén hai moita ilusión nas universidades por organizar o que sería a primeira regata universitaria de remo no rio Miño. Hai a intención de que este evento teña continuidade todos os anos como se fose un elemento simbólico onde as seis universidades compiten en liña no río Miño, un río que non divide senón que une. Estamos contactando con organismo públicos e privados para que sexa unha realidade no mes de maio do ano que vén. Tamén estamos traballando na Plataforma on-line, o campus en rede, cun club de lectura eurorrexional, un xornal de noticias do mundo universitario, unha axenda con bolsa de traballo que ofrecen as universidades e que permite a movilidade. Promovemos, tamén, un sistema de formación on-line de cara ao exterior. Temos, ademais, un foro de debate para relaconar universidades e PEMES.