Oficina CEER
 16-09-2009
A Coruña acollerá o X Congreso Mundial de Semiótica

A Cidade da Coruña e a Comunidade Autónoma de Galicia serán sede, en setembro do 2009, do X Congreso Mundial de Semiótica, dedicado á reflexión sobre o tema xeral de Cultura da Comunicación, Comunicación da Cultura.

Dende a organización indican que invitan a todos os especialistas e investigadores a abordar, con rigor e capacidade crítica, o campo natural da semiótica, é dicir, o ámbito de todos os fenómenos significativos en tanto que procesos de comunicación. Dende unha perspectiva semiótica, trátase de analizar e interpretar todos os fenómenos sociais e culturais que configuran a actual sociedade da comunicación.

Este importante congreso conmemorará o 40 aniversario da fundación da International Association for Semiotic Studies/ Association Internationale de Sémiotique (IASS/AIS), fundada en París por Roman Jakobson, André Martinet, Roland Barthes, Algirdas Julien Greimas e Umberto Eco, entre outros, en 1969. Ademais, a cidade da Coruña vaise converter no gran foro mundial no só da Semiótica, senón tamén da Comunicación e da Cultura. Espérase a asistencia de 2500 especialistas en semiótica, un centenar de intelectuais e semiólogos de talla internacional, así como unha decena de figuras de primeirísimo nivel nesta especialidade científica, todos eles convocados pola International Association for Semiotic Studies (IASS/AIS).

Máis información dende a web http://www.semio2009.org/