O Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste do Departamento de Historia 1 da USC xunto cun equipo do Instituto Catalá de Paleoecoloxía Humana e Evolución Social de Tarragona e outras universidades continuaron este mes de agosto coas escavacións na Cova Eirós, no Concello de Triacastela (Lugo), o único no Noroeste onde se atopan restos de ocupacións de Neandertais e dos Homo sapiens. Os traballos realizados dan conta dos modos de vida e o simbolismo dos primeiros humanos modernos que poboaron Galicia.
Unha das grandes novidades desta campaña foi a descuberta dun novo nivel arqueolóxico do Paleolítico superior que se atopa xusto por riba do nivel datado en 32.000 anos, do que os investigadores deducen que a súa idade “é máis moderna”. No Noroeste peninsular existe unha ausencia de xacementos comprendidos entre os 30.000 e 17.000 anos, de xeito que de confirmarse a súa antigüidade mediante novas datacións absolutas “podería completarse o mapa do poboamento paleolítico do noroeste achegando datos sobre novos períodos”, explican os expertos.
Nova mostra de arte moble
Pero para os investigadores un dos achados recentes máis importantes foi a descuberta dun pequeno colgante realizado sobre un dente de carnívoro que presenta un raspado na súa superficie e unha perforación na parte da raíz para poder penduralo. O colgante súmase aos atopados en Valdavara e Férvedes II, datados hai uns 17.000 anos, aínda que os expertos consideran que o de Triacastela podería ser “ben máis antigo”.
Cova Eirós, referencia na Península
O feito de que Cova Eirós sexa o único xacemento do Paleolítico medio de Galicia onde a carón da ferramentas realizadas en seixo e cuarcita se atopan os restos dos animais que cazaban e consumían permite estudar en maior profundidade os modos de vida dos Neandertais e reconstruír a paisaxe e a fauna de hai uns 80.000 anos.
Os traballos do pasado ano puxeron de manifesto a importancia deste xacemento e proporcionaron unha gran cantidade de material lítico e restos de fauna dunha antigüidade que vai dende os 30.000 aos 84.000 anos, o que o converte en punto de referencia na Península Ibérica para estudar os diferentes modos de vida e a evolución da complexidade tecnolóxica e social das dúas especies de homínidos.
Pero a verdadeira importancia do xacemento radica na secuencia das súas ocupacións. Así, nos niveis superiores aparece a primeira testemuña da chegada dos humanos modernos a Galicia como son restos de ferramentas en sílex e cristal de rocha e unha tecnoloxía laminar baseada na fabricación de pequenas follas en cristal de rocha.