Oficina CEER
 19-09-2009
Galicia e Portugal colaborarán na xestión dos montes transfronteirizos no marco do programa Xes Silvae

O director xeral de Montes da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto Juanas, mantivo hoxe en Porto unha xuntanza cos responsables da política forestal de Portugal para analizar vías de colaboración a prol dunha xestión sustentable dos montes das zonas transfronteirizas. O encontro enmárcase no proxecto Xes Silvae, integrado na iniciativa comunitaria Interreg, que ten como obxectivo a creación dunha rede de cooperación para a ordenación dos territorios forestais da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

No marco desta colaboración, está previsto o deseño de accións e instrumentos conxuntos para garantir a sustentabilidade na xestión dos montes galegos e do norte de Portugal.

Trátase de potenciar o aproveitamento integral dos recursos forestais, ao tempo que se incide na prevención de incendios. As actuacións, que se desenvolverán ata que finalice o ano 2010, suporán un investimento superior aos dous millóns de euros, cofinanciados polas dúas administracións implicadas, co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feder).

Proxecto Xes Silvae
O proxecto Xes Silvae forma parte do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, que ten como obxectivo a promoción de accións conxuntas de ordenación e protección dos espazos transfronteirizos.

Así, a Dirección Xeral de Montes da Xunta e a Autoridade Florestal Nacional portuguesa unirán esforzos no fomento da potencialidade ambiental e produtiva das superficies forestais, como garantía de futuro para o sector produtivo e a economía das poboacións rurais.