Oficina CEER
 23-09-2009
Senén Barro preside en Brasil diversas actividades da RedEmprendia

O reitor e presidente da Fundación CEER Senén Barro preside estes días en Brasil as reunións da xunta directiva, da asemblea e do comité técnico de RedEmprendia, rede internacional de incubadoras universitarias, e asiste ás actividades conmemorativas do 75 aniversario da Universidade de San Paulo. O reitor compostelán participa en calidade de presidente da Rede, cargo que ostenta dende que en 2008 fora elixida en substitución de Màrius Rubiralta.

Na sesión matinal deste martes 22 rematan as reunións do Comité Técnico, no que se abordaron os programas de intercambio entre empresas incubadas, así como casos de éxito de spin-off da USP e da Unicamp interesadas en compartir mercados. Completando o abano de temas debateuse sobre o portal da rede e avanzáronse futuras accións a desenvolver en 2011.

O programa para a tarde concentra a celebración da reuión da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral de RedEmprendia. Na xunta, Barro presentará un informe sobre as distintas iniciativas desenvolvidas e perspectivas de futuro deste colectivo. Tamén se adoptarán diversos acordos relativos ao balance e memoria económica da rede do pasado ano 2008 e accións a desenvolver para 2010. A celebración da asemblea xeral pechará o programa de actividades.

A Rede Emprendia
A RedEmprendia constituíuse en decembro de 2006 na USC promovida pola institución académica compostelá, pola Universidade de Barcelona e polo Santander. O núcleo inicial desta rede formárono dende os seus inicios UNINOVA, a incubadora de empresas da USC, e a bioincubadora que a Universitat de Barcelona desenvolve no Parc Científic da cidade. Ademais, no momento da súa constitución xa manifestaron o seu respaldo á iniciativa as universidades de São Paulo, Pontificia Católica de Chile e o Instituto Tecnolóxico de Monterrey, ás que posteriormente se lle sumaron as universidades Autónoma e Complutense de Madrid, a Nacional Autónoma de México, as de Valencia e Bos Aires e a Universidade de Coimbra.

A actividade da rede apoiará a posta en marcha de proxectos conxuntos con outras institucións académicas iberoamericanas, que permitirán a creación de 100 spin-offs universitarios, como mínimo, nos vindeiros anos. O acordo recolle o apoio de Santander ás universidades promotoras da iniciativa para formar equipos multidisciplinares co obxectivo de facilitar a transferencia á sociedade dos resultados da investigación, con especial atención ás ciencias da vida. Ademais, o traballo desta rede orientarase cara o emprendemento responsable, comprometido co desenvolvemento social.

A Cátedra UNESCO da USC sobre Innovación e Fomento da Cultura Emprendedora funciona como base para as actividades que desenvolvan as entidades co obxecto de formar unha nova rede de cátedras de iniciativa empresarial e cultura emprendedora.