Francisco Armas, investigador da USC estudou as potencialidades das novas tecnoloxías para frear o retraso do medio rural en Galicia
Galicia é unha das rexións máis atrasadas de España no que respecta á expansión da sociedade da información. Neste contexto, as novas tecnoloxías “poden ser un piar fundamental de desenvolvemento económico e social para esta rexión e en especial para o medio rural”, advirte Francisco José Armas Quintá na tese de doutoramento que defendeu recentemente.
O investigador do grupo GIST-Idega da USC abordou no traballo o estudo da difusión da sociedade da información en Galicia, así como as oportunidades que ofrecen as tecnoloxías da información e a comunicación de cara ao desenvolvemento dos espazos rurais máis deprimidos.
Concretamente, analizou experiencias destacadas de desenvolvemento rural a partir da difusión das novas tecnoloxías e examinou dende un punto de vista crítico as políticas que se levaron a cabo ao longo dos últimos anos para a difusión da sociedade da información. Ademais, estudou a produción web en Galicia e as súas características, así como o equipamento e o uso que lle dan os cidadáns a estas ferramentas tecnoloxías.
A tese enmárcase no proxecto SINDUR, Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano Rexional, que comezou a súa andadura a finais do ano 2002 e que na actualidade está executando a súa terceira fase. SINDUR naceu no seo do Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio da Universidade de Santiago e recibiu fondos da Unión Europea, do Ministerio de Educación e Ciencia e de distintas Consellarías da Xunta de Galicia.
Baixo o título ‘Sociedade da Información e Desenvolvemento rural. Análise de novos procesos sociais e territoriais en rexións periféricas. O caso de Galicia’ e na modalidade de doutoramento europeo, a tese dirixiuna o profrsor Carlos Ferrás Sexto. O tribunal avaliador da investigación estivo formado por Patrick O´Flanagan, da University College Cork; Xosé Manuel López Andión e Xosé López García, da USC; Joao Sarmento, da Universidade do Minho; e Joana María Seguí Pons da Universidade das Illas Baleares.