Oficina CEER
 30-09-2009
Investigadores e empresas de Galicia únense nunha plataforma para “potenciar sinerxías” en nanotecnoloxía

Investigadores e empresas de Galicia uníronse na plataforma galega de nanotecnoloxía -Nanogal- co fin de articular o sistema de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) nesta área e “potenciar a xeración de sinerxías” nela.

A idea de Nanogal naceu en 2007, pero só dende finais deste ano “empezará a ser unha realidade”, segundo asegura o xefe de I+D do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, Higinio González.

Este laboratorio é un dos 43 membros con que, por agora, conta a iniciativa, entre centros tecnolóxicos -cinco-, empresas -27 compañías con sede na comunidade- e grupos de investigación universitarios -11 equipos das tres universidades-.

Actualmente, a plataforma atópase nunha fase que González cualificou “de definición”. De feito, está a elaborar a súa axenda estratéxica, que trazará as liñas prioritarias da investigación por industrias “tendo en conta as potencialidades da rexión”, explicou.

Para iso, apuntou que a Fundación Phantons é a que se está a encargar dos labores de consultoría e cren que “cara a final de ano” a folla de ruta “estará elaborada”. A continuación, crearán un comité de dirección e unha normativa interna de funcionamento.

Por industrias
“Serán as bases do edificio para o ano que vén traballar con grupos de traballo en industrias”, adiantou a Europa Press o responsable da investigación do laboratorio de metroloxía galego.

Así, destacou que o “importante” da nanotecnoloxía é a súa capacidade de xerar partículas que teñen un tamaño “moi pequeno” -por debaixo dos 100 nanómetros- e poden conferir a un material características “moi diferentes e interesantes”. O nanómetro equivale a unha mil parte dun metro.

Entre as súas aplicacións, González referiuse á tecnoloxía de materiais -mellora de propiedades mecánicas, eléctricas e ópticas-, á biomedicina -fármacos especiais- e á alimentación -biosensores, melloras no envasado-.

Neste sentido, resaltou o feito de poder “mellorar a resistencia estrutural” na construción de grandes estruturas -sector naval, aeronáutica e automoción- ou “enviar medicamentos” a unha zona determinada do corpo, de maneira que sexan “máis eficientes”.

Outro exemplo dos seus usos, de plena actualidade, concirne á protección contra o virus H1N1, xa que a aplicación dunha fina capa de prata nun filme de plástico consegue “inhibir” a proliferación de microorganismos para evitar o contaxio, resaltou.

Difusión e formación
Por iso, o traballo da plataforma non só pretende o desenvolvemento de proxectos de I+D, senón xerar actividades de difusión sobre a súa relevancia e de formación, para que o persoal con interese mellore os seus coñecementos. Así mesmo, fomentará a participación dos seus integrantes en feiras internacionais.

“Esperamos tamén establecer colaboracións importantes co Norte de Portugal”, indicou, xa que en Braga comezará a funcionar “en breve” o Laboratorio Ibérico Internacional de nanotecnoloxía, cuxo director é o profesor José Rivas, catedrático de Física aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

En opinión de González, este centro de investigación é “unha aposta moi importante” do traballo “hispanoluso”, xa que “se fala” dun equipo con máis de 200 traballadores e unha dotación instrumental “única” na península. “Hai que aproveitar unha infraestrutura deste tamaño”, incidiu, nunha localidade que sitúo “a nada” de Vigo.

Experiencias similares
A nivel nacional, existe unha rede de nanotecnoloxía -Nanospain-, pero “non ten tanta implicación empresarial”, subliñou, porque xunta “fundamentalmente” centros tecnolóxicos e universidades. Non obstante, no País Vasco si actúa Nanobasque, cunha estrutura similar ao que persegue Nanogal, ao igual que en Cataluña e Aragón opera Nanoaracat. Do caso galego, González fixo fincapé no seu dinamismo empresarial.

Así, fixo referencia a dous ’spin off’ -empresas con orixe na universidade- que desenvolven nanocompostos e a varios fabricantes de pintura e ‘composites’ que utilizan estes materiais, o que “fai pensar en termos de cadea de valor”.

Microscopio de forza atómica
O laboratorio de metroloxía centra os seus estudos no terreo da “instrumentación”, do que o responsable de I+D chamou a atención sobre o seu microscopio de forza atómica. “É como a agulla dun tocadiscos, pero saca un mapa en tres dimensións da superficie que toca a unha escala nanométrica”, explicou.

A súa punta mide cinco nanómetros, polo que a resolución da imaxe que obteñen é “moi grande”, recalcou. A día de hoxe, tratan de “dar unha volta de rosca” a este microscopio, integrándoo en máquinas de medición por coordenadas.

Deste modo, o sistema non vale unicamente para observar unha mostra adaptada, senón que pode analizar “o estado superficial da pintura dun coche”, exemplificou. Este descubrimento empeza a utilizarse nos sectores da enerxía fotovoltaica, na aeronáutica, a industria óptica e automoción.

Para González, “aínda é prematuro chamalo sector á nanotecnoloxía”, porque é unha área que “está en cueiros e madurando paulatinamente”. Neste sentido, abundou en que no ámbito da investigación básica “se fixeron moitas cousas”, pero no que respecta á súa aplicación, “estase a empezar”

“É un campo de traballo complicado, porque cando saes das condicións de laboratorio, calquera vibración che vai cambiar a medida”, explicou. Precisamente, apuntou que as súas novas liñas de investigación se dirixen a “incrementar a resolución e a fineza coa que se mide”, para o que terán que reducir as devanditas vibracións.

A este respecto, acaban de solicitar unha axuda ao Ministerio de Innovación e Ciencia, nun proxecto conxunto co Instituto Tecnolóxico de Aragón e a marca madrileña Nanotec, que esperan empezar no mes de xaneiro.

Subvencións
Pola súa banda, a plataforma galega de nanotecnoloxía recibiu unha primeira axuda da Dirección Xeral de I+D da Xunta de Galicia en 2008. Recentemente solicitou a renovación da subvención, que corre a cargo do fondo Incite da Consellería de Economía e Industria.

Nesta liña, González ve un “tema importante” a capacidade de execución das partidas para innovación do fondo tecnolóxico europeo, dentro dos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) e confía en que Nanogal actúe “como dinamizador” do tecido industrial galego.

Por este motivo, a estrutura que formula a plataforma ten o propósito de xerar proxectos e un funcionamento continuo. “Unha das prioridades estratéxicas en I+D a nivel europeo, nacional e rexional é a nanotecnoloxía”, polo que Nanogal sumará esforzos “para atopar máis sinerxías”, concluíu.

(Fonte: Europa Press)