Oficina CEER
 18-01-2010
O vicerreitor de Relacións Institucionais da UVIGO defende o valor da educación en galego nun contexto internacional plurilingüe

O vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area, defendeu hoxe na clausura do III Encontro de Escolas Asociadas da Unesco a importancia dunha educación en galego nun contexto internacional. No encontro que reuniu no Pazo da Cultura de Pontevedra durante tres días a 101 nenos e nenas de trece centros educativos para aprender xuntos os valores da biodiversidade e o diálogo entre culturas, Area enunciou que “os dereitos lingüísticos pretenden garantir as necesidades de expresión dos individuos e das comunidades, mais non se pode invocar o dereito lingüístico a non aprender”. Ao longo do acto de clausura que contou coas intervencións do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, o concelleiro de Educación, Julio Castela, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal Rodríguez., os alumnos e alumnas dos trece centros educativos participantes fixeron lectura das conclusións tiradas dos catro obradoiros que se desenvolveron no encontro e amosaron os resultados do aprendido.

A importancia de manter o contexto plurilingüe
O vicerreitor de Relacións Insittucionais empregou na súa intervención tres linguas: o castelán, o inglés e o galego. Na primeira parte do seu discurso leu un poema de Rubén Darío, que profetizaba hai un século a mingua do español fronte á dominación do inglés, algo que, segundo o vicerreitor “é aplicable agora ao galego respecto dos dous, o inglés e o castelán”. “Farei o resto da miña intervención en galego, porque é o idioma propio de Galicia, e brevemente en inglés, porque que é a lingua franca internacional, aínda que nun futuro poida que teñamos que comunicarnos en chinés”, proseguiu.

Neste punto lembrou o contido do Informe Maalouf elaborado pola Unión Europea que, subliñou, “recomenda vivamente que todos os cidadáns escollan unha lingua materna adoptiva diferente do inglés, para evitar o monocultivo lingüístico”. Area animou aos nenos e nenas asistentes a aprender outras linguas como gaélico, sueco, esloveno, romanés ou calquera das linguas oficiais do estado español. Neste sentido citou os cursos da Universidade de Vigo, “a única institución que ofrece cursos iniciáticos ao galego, castelán, catalán e éuscaro ou outros como o xaponés, o ruso, o árabe ou o portugués, que continuaremos abrindo ao aranés, o mirandés e outras realidades lingüísticas”. Reparando no lema do 2010, Ano Internacional da Biodiversidade e o Diálogo entre Culturas, subliñou “a importancia de manter o contexto plurilingüe ao igual que a diversidade biolóxica, pois as persoas que saben varias linguas teñen máis facilidades para aprender outras novas e quen sabe galego, sabe máis”.

Por último, interveu en inglés “para practicar e preparar aos estudantes de cara a aprender Historia, Matemáticas ou calquera outra materia neste idioma” e pediulle ao conselleiro de Educación a reactivación na Universidade do programa que permitiu nos dous últimos anos que os estudantes Erasmus apoiasen aos profesores nas clases impartidas en inglés e francés.

Pola súa banda, Jesús Vázquez, destacou na súa intervención o traballo realizado polas Escolas Asociadas á Unesco para a preservación e a divulgación da cultura propia e dos demais pobos “a través dun ensino de calidade”. “Non somos só diversos xeneticamente, senón tamén culturalmente e non podemos abrirnos ao mundo se non transmitimos tamén a nosa propia cultura”, precisou.

Exposición das conclusións e resultados dos distintos obradoiros
Ao longo do acto de clausura os alumnos e alumnas dos trece centros educativos participantes fixeron lectura das conclusións tiradas dos catro obradoiros que se desenvolveron no encontro e amosaron os resultados do aprendido.

No caso do de biodiversidade Soportes da escritura, destacaron o repaso que fixeron da historia do papel, o que lles serviu para comprender a importancia da “preservación dos recursos e da reciclaxe”. Neste taller aprenderon a confeccionar libretas con materiais reciclados, algo que pensan aproveitar para o seu proxecto Empredendores, a través do que pensaron en facer libretas para vendelas. No obradoiro de patrimonio aprenderon con Pablo Carpintero a facer instrumentos tradicionais con materiais tan sinxelos como avelás, canas e papel. Declararon que lles serviu para intensificar a interrelación de pequenos e maiores e para abrir a súa curiosidade de cara ao coñecemento doutros instrumentos. Así mesmo, varios alumnos e alumnas fixeron unha actuación musical en torno ao toque de gaita, a canción galega, a canción africana, a danza marroquina e o caixón. Trala entrega de diplomas e do libro Os instrumentos musicais na tradición galega, editado pola Universidade, a cada centro amosáronse os resultados do obradoiro de multilingüísmo, impartido polo profesor Xabier Prado do proxecto Yogote (sílabas xaponesas que significan mundo, lingua e man). Os estudantes apelaron a todos os asistentes “a respectar as prantas e os animais e a participar no diálogo de culturas” en seis idiomas: wolof, italiano, turco, indonesio, árabe e linguaxe de signos.

No obradoiro de presentacións os estudantes relataron as conclusións de máis dunha vintena de proxectos e investigacións desenvolvidas nos diferentes centros. Deles aprenderon a importancia de racionalizar o uso da auga a través dun conto, de preservar oficios que se están perdendo como o de canteiro, de evitar a violencia de xénero e de integrar ás mulleres emigrantes. Traballaron tamén sobre o Camiño de Santiago -con escolas de Polonia e Zaragoza-, as regueifas, os xogos tradicionais, o traballo nas confrarías e as culturas cubana e exipcia.