Oficina CEER
 20-01-2010
A UVIGO participa no primeiro observatorio español de mundos virtuais

A Universidade de Vigo é unha das institucións promotoras do Explor 3D, o primeiro observatorio español dedicado á investigación, o desenvolvemento, a promoción e a coordinación da industria e a cultura asociadas ao uso das tecnoloxías 3D. A iniciativa está impulsada polo goberno das Illas Baleares e na mesma participan tamén empresas punteiras que desenvolven a súa actividade no ámbito das 3D así como a Universidade Complutense de Madrid “aínda que é posible que se incorpore algunha universidade máis nas próximas semanas”, segundo manifesta Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática. A firma da acta fundacional do observatorio tivo lugar este luns en Ibiza e Enrique Barreiro asistiu representando á Universidade de Vigo como vocal na xunta directiva da nova institución. Inicialmente, as aplicacións 3D centráronse nos entornos lúdicos e de xogo. Na actualidade, sen embargo, estas aplicacións chegan tamén a outros colectivos como poden ser os institucionais, os educativos, os empresariais e os sanitarios, entre outros. Promocionar a extensión das aplicacións 3D nunha enorme variedade de campos é, precisamente, o obxectivo fundamental co que nace Explor 3D, unha entidade sen ánimo de lucro que se presenta como un Observatorio de Metaversos -o termo Metaverso foi acuñado no ano 1992 por Neal Stephenson na súa novela Snow Crash e aplícase á visión do traballo en 3D-.

A ETSEI, impulsora da participación da Universidade no observatorio
O organismo vai ter a súa sede física en Ibiza por ser a illa un referente na utilización de novas tecnoloxías nos mundos virtuais. Como corresponde a un proxecto destas características o Observatorio Explor 3D terá tamén unha sede virtual realizada en 3D e que servirá para efectuar encontros, reunións e eventos, así como para promocionar información. O principal impulsor da iniciativa é a empresa Virtual Mind, radicada tamén na illa e responsable de proxectos de alta creatividade propios ou para outras empresas e entidades. A participación da Universidade de Vigo no proxecto ten o seu xermolo na Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense e así o subliña o seu director, Enrique Barreiro. Segundo as súas palabras, “a participación da universidade impulsámola dende o grupo de gráficos do Departamento de Informática e dende a propia escola que ten unha sede virtual en Second Life e unha materia de Mundos Virtuais”, declara. Barreiro cualifica de “moi importante” que unha institución como é a Universidade de Vigo participe na posta en marcha dunha iniciativa destas características. Segundo as súas palabras, “as tecnoloxías 3D teñen un potencial de aplicabilidade en moitos entornos que van dende o ocio e a formación ata o mundo empresarial. Ademais e en poucos anos teremos unha web máis tridimensional e que busca a interacción entre as persoas. Por iso é fundamental investigar as vías de aplicación destas novas tecnoloxías e facer un labor de seguimento das iniciativas en 3D que se poñan en marcha, dous obxectivos aos que o observatorio vai contribuír dun xeito moi importante e a universidade debe estar posicionada en todas as iniciativas innovadoras que se realicen”, asegura.

Directorio de centros e empresas que desenvolven a súa actividade en España
Captar novos talentos entorno ás tecnoloxías 3D, ser foco de transmisión de coñecementos e de transferencia tecnolóxica a empresas, institucións e á poboación en xeral, mellorar a competitividade do sector en España e contribuír ao desenvolvemento da cultura empresarial no sector son algúns dos obxectivos cos que nace o observatorio. O centro quere tamén coordinar a realización de accións formativas e divulgativas entre as diversas administracións, universidades, centros de investigación e clústers tecnolóxicos para propiciar unha estratexia compartida neste campo.

Os promotores do Observatorio Explor 3D teñen xa por riba da mesa unha serie de actuacións para levar adiante e entre as que se atopan a investigación e a difusión na área da socioeconomía e a transferencia tecnolóxica e do coñecemento con accións formativas e divulgativas baseadas nas novas tecnoloxías. Na actualidade, o sector español que traballa no ámbito das 3D está moi atomizado. Por iso, unha das primeiras accións que vai por en marcha o organismo é a creación dun directorio de grupos, centros de investigación e empresas dedicadas ao mundo dos videoxogos e mundos virtuais e que desenvolven a súa actividade en España. Este directorio permitirá, segundo fontes do observatorio, “sumar iniciativas, coordinar todas as actividades que se leven adiante neste campo e promocionar a industria das tecnoloxías 3D no noso país”, aseguran.