Oficina CEER
 21-01-2010
A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística solicita a modificación das bases para a elaboración do decreto do galego

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que agrupa as Universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, emitiu un comunicado no que fai un chamamento ás autoridades educativas para modificar as Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, que o Consello da Xunta fixo público o pasado 30 de decembro. Segundo manifestan, “non se aseguraría a competencia necesaria en lingua galega nin se garantiría a equivalencia de coñecementos entre o galego e o castelán ao remate do ensino obrigatorio”.

Para esta comisión “deben ser as autoridades educativas as que establezan os currículos educativos e regulen o emprego das linguas vehiculares do ensino”. Non consideramos positivo para a comunidade educativa, din, “a elaboración dunha norma que permita unha diversidade centro a centro, un elemento que pode provocar fortes fracturas sociais”.