Oficina CEER
 27-01-2010
Recollida de firmas para resucitar a oficina de ‘software libre’ da UDC

A oficina de software libre (OSL) da Universidade da Coruña (UDC) non presta servizo dende decembro, cando rematou o convenio de colaboración entre o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre (Mancomún) e a institución académica. Dende entón, a Xunta non renovou este acordo, aínda que dende o reitorado coruñés aseguran que se tramitará en breve e que, o responsable da UDC, José María Barja, xa o asinou. Culpan da situación ao retraso do Goberno galego. O estudantado do centro entregou onte un documento con sinaturas de apoio para evitar a suspensión.

Os despedimentos de persoal do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e da Fundación Calidade antes de rematar o seu contrato laboral, o desmantelamento de Mancomún –que funciona xa só como unha páxina web– e a convocatoria dun concurso por parte da Xunta para crear un órgano de xestión privada que realice a labor que viña desenvolvendo esta plataforma xeraron moitas dúbidas ao sector do software libre.

En menos de dúas semanas os responsables dunha plataforma creada para recuperar a oficina da UDC adicada a promocionar os programas de estándares abertos e que conta co apoio do sindicato CAF, da asociación Trasno, do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), de catorce docentes e de sete investigadores, xuntou 528 sinaturas só na Facultade de Informática. Entregáronas onte no reitorado para pedir que se rehababilite o servizo.

Os alumnos da UDC recordaron que os cartos que a Xunta adicaba a esta labor son “un investimento e non un gasto porque o software libre representa un aforro a curto prazo en licenzas e, a medio, unha axuda fundamental cara a dependenza tecnolóxica”. Neste sentido, Pablo Belay, representante dos estudantes, sinalou que esta situación estaba na “tónica de privatizar do PPdeG e de destruir o que se construira co anterior goberno”. “Nunca apostaron de xeito claro polos estándares abertos, que son un traballo que se fai como comunidade, non como empresa”, dixo en referencia ao concurso da Xunta para privatixar o servizo que daba Mancomún.

Ademais, indicou que o reitor, docente na Facultade de Informática, lles asegurou que non vai adicar unha partida orzamentaria para manter a OSL se a Xunta non colabora, o que ao seu parecer é un prexuízo, xa que “ofrecían asesoramento para migrar os sistemas operativos a programas de estándares abertos tanto para usuarios como para empresas, ofrecían asesoramento legal e traballaban con sistemas operativos básicos”.

Fonte: www.xornal.com