Oficina CEER
 02-02-2010
A Axencia Espacial Europea designa á Universidade de Vigo nodo europeo da rede mundial de satélites non comerciais

A Universidade de Vigo foi designada pola Axencia Espacial Europea, ESA, nodo de operacións en Europa de GENSO, a nova rede mundial de satélites non comerciais –científicos, de investigación e educativos- e, en bandas libres. A proposta, elixida entre dezaoito candidaturas procedentes de toda Europa “sitúa á Universidade de Vigo como referente mundial dentro dos sistemas de pequenos satélites”, subliña o profesor Fernando Aguado, investigador principal do proxecto Xatcobeo, punto de partida de todo este proceso.

Como nodo europeo da rede, a ETSE de Telecomunicación acolleu un seminario de traballo no que participaron 25 investigadores de Europa e América para acordar os requisitos que debe cumprir o software que se empregará de forma libre para construír esa rede mundial de seguimento de satélites e que deberá estar preparado en maio ou xuño deste mesmo ano. Trátase de ultimar os detalles para pór en marcha toda unha constelación de pequenos satélites distribuída por todo o mundo que permitirá recadar á comunidade científica diversos tipos de información.

Xatcobeo, “a pedra que iniciou o camiño”
O proxecto, liderado pola Axencia Espacial Europea, conta coa participación da NASA, o Departamento de Defensa do goberno americano e a axencia xaponesa JAXA, así como arredor de 200 universidades de todo o mundo, e actualmente está liderado pola investigadora Helen Page, da Oficina de Educación da ESA.

Page, que participou tamén en Vigo neste encontro de traballo, destacou os motivos polo que foi seleccionada a proposta viguesa, “valoramos moi positivamente o carácter multidisciplinar da Universidade e a súa aposta polo mundo da tecnoloxía”, ao que engadiu que tamén foi fundamental, ao tratarse dun proxecto mundial, “todas as conexións que os investigadores desta Universidade teñen actualmente tanto en Europa, como América, Asia e mesmo África”, ao que engadiu “a importancia da experiencia previa co proxecto Xatcobeo, que seguiu estándares internacionais”.

En referencia a este último aspecto, o picosatélite Xatcobeo, Aguado sinalou que se tratou“da primeira pedra que permitiu ir facendo o camiño e grazas a el, e co apoio institucional tanto da Universidade como do Ministerio de Ciencia e Innovación, permitiu crear unha infraestrutura de investigadores que actualmente están traballando e sendo recoñecidos a nivel mundial pola calidade do seu traballo”.

No proxecto participan máis de 60 investigadores de Vigo e Ourense
En total a Universidade de Vigo ten implicados neste proxecto máis de trinta docentes e outros tantos estudantes de doutoramento e de proxectos fin de carreira de oito grupos de investigación dos campus de Vigo e Ourense. Á ETSE de Telecomunicación hai que sumar a forte implicación das escolas de Informática e as dúas de Industriais, así como as facultades de Química e Ciencias. “Na actualidade todos os nosos proxectos son moi pluridisciplinares”, subliña Aguado neste sentido.

A idea coa que xurde esta rede é que calquera satélite, independentemente da súa posición xeográfica, poña a disposición da comunidade científica de todo o mundo a información que recolla. Aguado explícao cun exemplo “trátase de que cando o Xatcobeo da Universidade de Vigo pase por China poidamos obter información desde unha estación chinesa como si estiveramos na nosa propia Universidade e, á súa vez, que un hipotético satélite chino ou americano poidan obter os datos que precisen non só cando pasan por encima de China ou de América, senón en calquera parte do mundo, por exemplo, en España”.

Primeira vez que a rede de seguimento de satélites ven a España
Aguado destaca a importancia de que a reunión se celebrara en Vigo, pois todas as reunións da ESA que teñen que ver con ciencia e tecnoloxía fanse en Holanda e, “por suposto, é a primeira vez que a rede de seguimento de satélites ven a España. Son contadas as ocasións nas que a Axencia Espacial Europea propón realizar unha reunión de traballo nun país como España, de aí a importancia que ten para nós este encontro”, destacou.

Segundo a directora do proxecto, na actualidade a investigación sobre este tipo de satélites está aínda nunha fase inicial, “pero estase madurando e unha vez que esta tecnoloxía estea o suficientemente consolidada desenvolveranse moitas misións en múltiples campos, dende a astronomía ata a meteoroloxía espacial”, subliñou ao tempo que remarcou a importancia que terá a implantación e posta en funcionamento da rede Genso. “ Será unha peza fundamental xa que permitirá recibir moita máis información deste tipo de satélites, xa que o seu prezo é moito menor ca o dos satélites convencionais”, apuntou.