Oficina CEER
 08-02-2010
Os mellores equipos das Ligas Universitarias enfrontaranse en Pontevedra no torneo Intercampus 2010

Xa está todo listo para a celebración do torneo Intercampus 2010, que este ano organiza o campus de Pontevedra, a través do seu Servizo de Deportes, e que poñerá o punto final ás Ligas Universitarias nas que participan anualmente ao redor de 3.500 estudantes. Reserva das instalacións, árbitros, organización de comidas, material deportivo e trofeos, “o groso da xestión está pechado e só quedan detalles de última hora”, sinala Gustavo Loureiro, o técnico deportivo do campus. Resta tamén que os mellores equipos dos tres campus adestren abondo para afrontar a intensa xornada na que se verán as caras o vindeiro xoves día 11. De 10.00 a 18.00 horas disputaranse simultaneamente os partidos das sete modalidades da competición: baloncesto feminino, baloncesto masculino, balonmán masculino, fútbol sala feminino, fútbol sala masculino, fútbol masculino e voleibol masculino. Os encontros de baloncesto, balonmán e voleibol terán lugar no Pavillón Multiusos da Xunqueira, os de fútbol no campo de herba sintética da Xunqueira e os de fútbol sala no Pavillón Universitario.

En canto ao nivel de participación, Gustavo Loureiro asegura que, malia a reducirse o número de modalidades, “se cumpren as previsións de anos anteriores”. “Hai representación dos tres campus en todos os deportes, agás en baloncesto feminino, que se xogará entre Ourense e Pontevedra, e balonmán masculino, entre Pontevedra e Vigo”, precisa. Á hora de definir favoritos, o técnico deportivo opina que “é difícil de predicir porque cada ano os equipos cambian moito”. Con todo, ve lóxico que o campus de Vigo teña máis posibilidades pola súa maior dimensión e atendendo aos resultados das edicións anteriores, pois o ano pasado, en nove das dez competicións que se xogaron venceron os equipos do campus vigués. Entre os equipos da casa, Loureiro percibe un bo nivel en balonmán, polo que espera que se repita a vitoria do ano pasado.

Pase aos campionatos universitarios galego e español
Os equipos gañadores mediranse coas mellores formacións das outras dúas universidades galegas nos Campionatos Galegos de Deportes Colectivos, que terán lugar os días 25 e 25 de febreiro en Santiago de Compostela, e os vencedores desta fase participarán nos Campionatos Universitarios de España, que se disputarán desde mediados de abril ata finais do mes de maio en dez Universidades Españolas: Albacete, Alacante, Cádiz (San Fernando), León, Málaga (Antequera), San Sebastián, Valladolid, Teruel, Almería e a UNED de Madrid.

Segundo Gustavo Loureiro, “a Universidade de Vigo leva a palma de número de vitorias nos campionatos interuniversitarios galegos”, pois lembra que o ano pasado gañou en seis das nove modalidades. Pola contra, considera que “entrar nos campionatos de España son palabras maiores porque teñen unha fase interzonal previa difícil de pasar”. Ademais, considera un agravante non ser anfitrións, posto que non todos os equipos poden asumir desprazamentos. Neste sentido segue apostando polo equipo de balonmán do campus de Pontevedra, que xa o ano pasado chegou á final do torneo Interzonal en Bilbao, aínda que non conseguiu clasificarse.