Oficina CEER
 19-02-2010
Os reitores das universidades galegas e do Norte de Portugal avalían a Eurorrexión do Coñecemento

O padroado do Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER) reúnese este venres a partir das 10:00 horas na Reitoría da Universidade portuguesa do Minho, en Braga. Á xuntanza asisten os reitores das universidades que forman parte do CEER –as tres galegas e as do Norte de Portugal- e representantes da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia que tamén forma parte do padroado.

Será esta a xuntanza que marque “a folla de ruta da Eurorrexión do Coñecemento”, como explica o director do CEER, Carlos Ferrás, e que lle dea impulso ao ámbito da Responsabilidade Social insistindo na necesidade de “cooperar, colaborar e crear sinerxías entre as comunidades universitarias de ambos os lados do Miño”.

Nesta reunión o reitor da Universidade de Minho, António M. Cunha, asumirá a presidencia do CEER collendo así o relevo do seu homólogo compostelán Senén Barro. Este cambio da presidencia interprétase como un paso máis na consolidación do CEER como unha institución que procura dinamizar o coñecemento, a innovación e a ciencia en Galicia e no Norte de Portugal.

Convenios
O encontro das seis universidades en Braga servirá para asinar dous convenios de colaboración, un de mobilidade entre estudantes e profesorado das dúas rexións e outro que estableza as bases do 1º Trofeo Interuniversitario de Remo a celebrar no Río Miño.