Oficina CEER
 23-02-2010
A tese dunha investigadora viguesa, a mellor do bienio no campo das ciencias do solo

Dende Holanda e con moita ilusión, aínda que tamén con morriña, Flora Alonso recibiu estes días unha noticia que a anima a seguir traballando no campo da Química do solo. A súa tese de doutoramento vén de ser galardoada co Premio José María Albareda como a mellor do bienio 2008-2009 pola Sociedade Española da Ciencia do Solo. “A verdade é que aínda no o creo”, explica dende a universidade holandesa de Wageningen, onde está a realizar unha estadía de posdoutoramento, “pero o feito de que che recoñezan o traballo feito sempre axuda a levar mellor o que se está a facer, é como se che dixesen que vas polo bo camiño”. A súa ledicia non é para menos, xa que o certo é que o Premio José María Albareda é a maior distinción dentro das ciencias do solo que se outorga en España. Así e todo, a investigadora comparte este galardón coas dúas directoras da súa tese, as profesoras da Universidade, Luisa Andrade e Emma Fernández. “Gran parte deste recoñecemento é grazas a elas, a súa dirección foi impecable e o premio é froito dun traballo en equipo”. Pero para Flora Alonso, esta non é a primeira vez que recibe unha distinción pola súa tese, xa que o seu traballo foi recoñecido co Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade de Vigo. Preguntada por esta moi positiva traxectoria apunta que “din que as boas non hai que perdelas” e aposta por seguir traballando para que siga sendo así.

E todo grazas aos solos
A tese merecedora deste recoñecemento foi defendida en marzo do 2008 e agora é recoñecida como a mellor do bienio, “un honor e un orgullo”, en palabras das súas directoras. Baixo o título Capacidade de sorción de Cd, Cu, e Pb por diferentes solos, a investigadora explica que “é froito dun proxecto de investigación no que se avaliou a capacidade dos solos (a maior parte deles galegos) para reter metais pesados, neste caso cadmio, cobre e chumbo”. Trátase de determinar como inflúen as características de cada solo nas capacidades de retención de cada un dos catións nos que se descompoñen estes metais e así “conseguimos establecer un parámetro versátil co que fomos capaces de comparar todos os casos obtidos, ademais de avaliar a posibilidade de migración dos metais a través do perfil dos solos estudados e a irreversibilidade da retención dos metais”. Así, Flora Alonso desenvolve modelos explicativos e predictivos da capacidade de fixación dos solos, o que permitirá prever unha posible contaminación por estes metais en solos de características similares aos estudados.

Destino: Holanda (polo momento)
Unha vez remata da tese, como a case todos os investigadores chegoulle o momento de partir, temporalmente agarda ela. Agora, dentro do programa Ángeles Alvariño, traballa en Holanda no campo da Química do solo pero “máis centrada no comportamento dos anións e en desenvolver unha técnica para a súa determinación en augas e solos”. Aínda que se atopa feliz na súa estadía, recoñece seguir botando en falta “a familia, o meu mozo, os amigos, a comida, o sol...” e agarda poder volver pero, segundo explica “non me podo permitir pechar portas, e se non hai posibilidade de volver haberá que buscar traballo onde sexa”.

Un currículo inmellorable Se o Premio José María Albareda recoñece a calidade do seu traballo, as directoras da súa tese con as encargadas de recoñecer a súa calidade humana e o seu impresionante currículo. “Desde o ano 2003, que traballa no noso laboratorio, ten demostrado gran preparación, constante actualización de coñecementos, grande iniciativa e capacidade para desenvolver traballos en equipo, así como o espírito de colaboración e a creatividade imprescindibles para realizar traballos de investigación”, explican Luisa Andrade e Emma Fernández . Todo isto está reflectido “nun brillante currículo investigador, con excelente produción científica traducida nun elevado rendemento en publicacións en revistas de recoñecido prestixio e comunicacións a congresos internacionais”. E os datos corroboran o dito polas directoras xa que dende 2004, cando rematou os seus estudos de terceiro ciclo, ademais de realizar a tese publicou 36 artigos en revistas científicas, 30 deles en revistas de alto índice de impacto e que figuran no Science Citation Index. Ademais publicou 24 artigos en Proceedings de Congresos Internacionais , dirixiu ou codirixiu varios traballos de investigación de fin de carreira , DEA e teses de licenciatura. “Estamos convencidas de que no futuro realizará grandes achegas científicas.