oficina CEER
 01-07-2010
UNHA INVESTIGADORA DA UDC EXPLICA EN ESTADO UNIDOS OS EFECTOS DO FUEL NAS PERSOAS NUN CONGRESO SOBRE O VERQUIDO DE PETRÓLEO DO GOLFO DE MÉXICO

O goberno de Estados Unidos convidou á profesora da Universidade da Coruña Blanca Laffon como conferenciante invitada ao “Congreso sobre os efectos para a saúde humana do verquido de petróleo do Golfo de México”, que tivo lugar en Nova Orleans os pasados días 22 e 23 de xuño. O congreso estaba organizado polo Instituto de Medicina da Academia Nacional de Ciencias de Estados Unidos a petición da Secretaría do Departamento de Saúde e Servizos Humanos do goberno norteamericano, con motivo do recente verquido de petróleo orixinado na plataforma petrolífera Deepwater Horizon da empresa British Petroleum no Golfo de México.

A reunión científica tiña como obxectivo reunir aos mellores científicos expertos no tema para levar a cabo un intercambio de ideas sobre este importante problema, tanto medioambiental como para a saúde humana. Blanca Laffon, única científica non estadounidense presente no congreso, foi invitada para explicar a súa experiencia na avaliación da saúde dos voluntarios e traballadores que colaboraron nos labores de recollida e limpeza do fuel do Prestige, xa que o grupo de investigación en que se integra realizou un extenso estudo ao respecto que tivo unha gran repercusión na literatura científica internacional. Tras a súa exposición, unanimemente eloxiada, participou nun comité de expertos en que se tratou sobre diversos aspectos relacionados coas posibles poboacións de risco, os efectos para a saúde fisiolóxicos e psicolóxicos a curto e longo prazo da exposición ao fuel, as actividades de protección da saúde, as accións de monitorización das poboacións afectadas, e as metodoloxías de investigación e fontes de datos que deben ser utilizadas nos programas de vixilancia da saúde.
Na actualidade, o grupo de investigación de Blanca Laffon, liderado polo catedrático de Psicobioloxía Eduardo Pásaro, está levando a cabo un proxecto de investigación, financiado pola Xunta de Galicia, co obxectivo de determinar se as alteracións detectadas inicialmente nas persoas que participación na limpeza do fuel do Prestige continúan presentes ou ben xa foron eliminadas, retornando aos niveis basais normais. Para este novo proxecto xa se realizou a toma de mostras entre os pescadores e mariscadores nas zonas máis afectadas polo verquido (Muxía, Lira, O Pindo e Fisterra) e neste momento estanse levando a cabo as análises correspondentes, que esperan estean finalizados para o próximo ano 2011.

Fonte: http://www.udc.es