XuntanzaXuntanza
Oficina CEER
 01-07-2010
A FUNDACIÓN CEER PROMOVE UN PROXECTO DE FORMACIÓN CONTINUA EURORREXIONAL

A Fundación CEER promoveu este xoves en Braga unha xuntanza de traballo na que se abordou o Proxecto de Formación Continua Eurorrexional. No encontro estiveron presentes o director da Fundación CEER, o profesor Carlos Ferrás; o presidente da mencionada Fundación e reitor da Universidade de Minho, António Cunha; o reitor da USC, Juan Casares; o presidente da Associaçao Empresarial de Portugal, Valente de Oliveira; e o vicerreitor da Universidade de Minho, Rui Veira de Castro.

Na xuntanza analizáronse os detalles do Proxecto de Formación, que sería ofrecido polas 6 universidades implicadas no CEER (Universidade de A Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo, Universidade de Porto, Universidade do Minho, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro) a traballadores en activo e empresarios. A modalidade sería a distancia "en liña". Na reunión avaliáronse tamén as posibilidades de formación continua do Fondo Social Europeo, e iniciouse unha reflexión sobre a posibilidade de abrir o padroado da Fundación CEER á incorporación da asociación empresarial portuguesa e á Confederación de Empresarios de Galicia.