Oficina CEER
 05-07-2010
UNHA QUINCENA DE ESTRANXEIROS ACODEN Á UDC AO CURSO DE VERÁN DE LINGUA GALEGA

O reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, inaugurará o vindeiro luns, 5 de xullo, o III Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros que terá lugar ao longo de todo o mes de xullo. O acto de inauguración será ás 11:00 horas na Sala de Consello de Goberno da Reitoría, o resto das sesións do curso serán na Facultade de Filoloxía, e xunto co reitor estará o director do curso, Xosé Manuel Sánchez Rei, e a directora do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da UDC, Goretti Sanmartín Rei.
Unha quincena de alumnos procedentes de Italia, Bosnia, República Checa, Cuba, Reino Unido, Croacia, Madrid e Cataluña estarán todo o mes na cidade para aprender a lingua galega. As clases completaranse con diversas actividades culturais, como unha visita de estudos a Santiago de Compostela e á Costa da Morte. O obxectivo do curso é que non só finalicen a súa estadía na Universidade da Coruña con coñecementos académicos do galego senón que tamén coñezan a identidade cultural de Galicia para que poidan actuar como “embaixadores” galegos nos seus respectivos países de orixe.
A clausura do curso de verán terá lugar o día 30 de xullo na Sala de Consello de Goberno na que haberá unha actuación musical de César Carlos Morán Fraga, músico e escritor, ás 12:00 horas. Unha hora máis tarde, o reitor, o secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, o secretario Xeral da UDC, Carlos Amoedo, o director do curso e a directora do SNL da UDC pecharán oficialmente esta actividade.

Fonte: http://www.udc.es