Oficina CEER
 07-07-2010
PROFUNDAN NO POTENCIAL DE GALICIA COMO DESTINO TURÍSTICO

As distintas manifestacións que o turismo pode adoptar na comunidade galega serán obxecto de estudo no curso ‘ Turismo en Galicia: pequenos mercados e grandes nichos’, que se vai celebrar entre os días 19 e 23 de xullo no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

O curso ten por obxectivo debater e difundir as potencialidades dos nichos de mercado existentes no sector turístico en Galicia, a través da posta en valor de investigacións recentes é novidosas que axuden a caracterizar, identificar e aproveitar economicamente as oportunidades de mercado existentes, diversificando a carteira de produtos turísticos galegos.

Neste senso, os organizadores do curso baixo a dirección de Gonzalo Rodríguez consideran que Galicia constitúe un mercado turístico relativamente modesto dentro dun dos principais países receptores do mundo, España. A demanda galega caracterízase, continúan os organizadores, pola súa concentración espacial, pola súa estacionalidade e pola baixa diversidade da súa oferta. Trátase, en definitiva, dun destino turístico de importancia media, conclúen os investigadores. Non obstante, a análise detallada das potencialidades turísticas galegas amosa un importante número de nichos de mercado sen explotar ou insuficientemente explotado, tales como o turismo náutico, turismo industrial, turismo lingüístico, turismo de congresos ou turismo de surf, entre outros.

Para abordar estes temas contarase con expertos en cada produto e nicho que teñan contribuído con investigacións ou proxectos recentes ou relevantes ao coñecemento destes temas, considerando non so profesorado universitario, senón tamén técnicos da administración pública e consultores de empresas especializadas nestas ramas e que teñas participado en iniciativas do tipo “best in class”.

O curso diríxese a estudantes de turismo, xeografía, historia e economía, axentes económicos vinculados ao sector (hoteis, casas de turismo rural ou consultores), persoal técnico da administración (técnicos turísticos dos concellos, axentes de desenvolvemento local, persoal da Dirección Xeral de Turismo), persoal de Turgalicia e persoas interesadas no ámbito do turismo.

Fonte: http://xornal.usc.es