Oficina CEER
 14-07-2010
OS DOCENTES GALEGOS DO ENSINO NON UNIVERSITARIO APENAS EMPREGAN A INFORMÁTICA NA SÚA ACTIVIDADE PROFESIONAL

Segundo a tese de doutoramento do profesor Luis Vilán.

Só os docentes de menor idade empregan en maior medida as TIC.

Os docentes galegos do ensino non universitario empregan pouco a informática na súa actividade profesional e aqueles que a utilizan fano con escasa intensidade. Esta é unha das principais conclusións ás que chegou o profesor Luis Vilán na súa tese de doutoramento, un detallado estudo sobre a integración real da informática no sistema educativo non universitario de Galicia.

O estudo, que analiza o período 2001-2008, está cheo de evidencias que levan a pensar que en gran medida o emprego da informática está condicionado por un cambio xeracional dos docentes, “o que significa que os docentes con menor idade formáronse e empregan en maior medida as ferramentas informáticas nas tarefas docentes ca os seus colegas de maior idade”, subliña Vilán.

Internet e procesadores de texto son as ferramentas que máis se empregan.
En canto ás ferramentas que máis se empregan, as conclusións son claras, Internet (navegadores, buscadores...), os procesadores de texto e as presentacións configúranse como as ferramentas máis utilizadas, tanto na preparación dos contidos didácticos como na exposición dos mesmos, “aínda que se recolle maior intensidade na fase de preparación ca na fase de exposición de contidos”, especifica Vilán, docente de Informática no Instituto de Educación Secundaria de Teis.

Aínda que non de maneira maioritaria, tamén se empregan significativamente outras opcións que naceron da man da primeira era Internet e cunha orientación educativa como as Web Quest, Hot Potatoes e Clic, que son empregadas sobre todo polos mestres que imparten nos niveis de Infantil e Primaria. Outras nacidas ao abeiro da Web 2.0, como os blogs, as wikis, os podcast, etc, vanse introducindo de maneira moi minoritaria coma recursos para algúns docentes. “Neste aspecto tamén é interesante destacar que a aparición do taboleiro dixital interactivo está tamén tendo certo nivel de emprego”, salienta o autor da investigación.

Maior presenza das TIC na FP.
En canto aos diferentes niveis educativos, os resultados da tese indican que o grado de emprego de ferramentas informáticas é superior entre os profesores que imparten docencia na formación profesional ca entre os docentes das etapas de infantil, primaria, ESO e bacharelato. Doutra banda, a tese pon tamén de manifesto que os centros educativos contan na actualidade con recursos informáticos e programas para traballar, sen embargo apenas se empregan debido a escasa ou mesmo nula preparación dos docentes e a pouca adaptación destas ferramentas aos contidos didácticos das diferentes materias, “dispoñen dos medios pero non se lles dá a formación adecuada para empregalos”, subliña Vilán. Así, na opinión recollida dos docentes sobre os principais factores que terían que darse para acadar unha axeitada utilización da informática, aparecen a necesidade de apoio especializado para o desenvolvemento de contidos didácticos e tamén para impartir os diferentes contidos.

Ao longo dos sete anos analizados a tendencia observada denota, pese a todo, unha evolución positiva no emprego da informática, sendo as tarefas vinculadas coa exposición de contidos na aula e as tarefas que realiza o estudantado na clase as que experimentan unha maior evolución. “É unha progresión que está caracterizada polo incremento do emprego de Internet, aínda que este emprego acostuma a estar reducido exclusivamente á busca de información”, subliña o autor da tese, que conta tamén coa experiencia de ter impartido numerosa formación e asesoramento en materia de TIC ao profesorado non universitario a través da rede de formación da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

Proposta de solución.
De cara a achegar unha solución ao axuste axeitado entre software e currículo, cos resultados obtidos Vilán propón un modelo que pode ser empregado para escoller o software a empregar en determinadas materias e para que o deseñador de software coñeza a orientación pedagóxica e como ha de ser ese software que debe deseñar para que, realmente, cubra axeitadamente as necesidades dunha materia completa. “Trátase dunha orientación concreta acerca de que informática debe empregar o docente dentro da materia que imparte e, por outro, como se deben deseñar e desenvolver as ferramentas informáticas para que sexan efectivamente empregadas na educación”, engade.

Fonte: http://duvi.uvigo.es