Oficina CEER
 16-07-2010
1000 TELÉFONOS MÓBILES PARA SALVAR A SELVA AFRICANA

A OMA, Caixa Galicia e Ceida impulsan a campaña desenvolvida no festival "Vigo Transforma".

Uníndose á iniciativa do Instituto Jane Goodall para a recollida de terminais en desuso, que continuará esta semana.

España rexistra preto de 54 millóns de liñas de telefonía móbil, unha cifra que indica que a cantidade de terminais existentes é moi superior ao número de habitantes e que implica unha media de máis dunha liña por persoa. Na maioría dos casos, moitos dos teléfonos móbiles pérdense nos caixóns ao ser substituídos por terminais máis modernos, polo que dende a Oficina de Medio Ambiente da Universidade, xunto con Caixa Galicia e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), atoparon unha nova utilidade para os terminais en desuso mediante a campaña 1000 móbiles pola selva, promovida polo Instituto Jane Goodall.

O obxectivo desta iniciativa, que se desenvolveu durante a pasada semana ao abeiro do festival Vigo Transforma, é recadar 1000 móbiles para a súa reciclaxe e reutilización reducindo a crecente demanda dos seus compoñentes, entre eles o coltán, utilizado en case a totalidade de dispositivos electrónicos e tamén para a industria armamentística, cuxa explotación dáse en maior medida na selva da República Democrática do Congo. Para poder acadar a meta proposta, a campaña 1000 móbiles pola selva estará vixente tamén durante esta semana e porá a disposición dos interesados tres puntos de recollida dos terminais en desuso situados no centro comercial A Laxe, El Corte Inglés e a Lonxa do Concello.

Obxectivo, protexer os ecosistemas africanos.
A campaña 1000 móbiles pola selva permite reciclar as partes útiles dos teléfonos recollidos cun tratamento adecuado para aqueles compoñentes tóxicos e contaminantes, ao tempo que se recadan fondos para programas de conservación levados a cabo na República Democrática do Congo polo Instituto Jane Goodall. Ademais, a recadación tamén se destina á colaboración en campañas de educación, plantacións, proxectos de desenvolvemento sostible e o mantemento do Centro de rescate de chimpancés de Tchimpounga.

A campaña Mobilízate pola selva continúa polo verán Baixo o lema Mobilízate pola selva, a OMA propón unha particular versión universitaria desta campaña. Deste xeito, a Universidade tamén realiza a súa achega á conservación do medio ambiente e aos ecosistemas africanos a través desta iniciativa de carácter permanente que continuará ao longo do verán. Durante esta tempada, a comunidade universitaria poderá enviar os seus terminais en desuso a través de correo interno, depositándoos nas conserxerías de calquera centro dos tres campus da Universidade. Tras o período estival, a idea da OMA é volver a instalar colectores de recollida en Vigo, Ourense e Pontevedra unha vez iniciado o curso, cando aumenta a actividade no ámbito universitario.

Fonte: http://duvi.uvigo.es